Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco denuncia “trilerismo e mentiras” da Xunta para “evitar poñer un só euro de fondos propios” para o sector da carne

O deputado do grupo parlamentario socialista sinala que mentres o Estado destina máis de 60 millóns de axudas directas para os produtores galegos “a Xunta anuncia como propios fondos que proceden de Europa”

Martín Seco durante a súa intervención na Comisión de Agricultura no Parlamento de Galicia

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, denunciou hoxe no Parlamento “o trilerismo e as mentiras” da Xunta para “evitar poñer un só euro procedente de fondos propios” para axudar ao sector galego da carne. Seco presentou unha pregunta oral en Comisión na que sinalou que mentres o Estado aproba máis de 60 millóns para o sector en Galicia, a Xunta “anuncia como propios fondos que proceden do PDR”.

Seco explicou que “as comunidades autónomas si que poden aportar fondos propios” para apoiar a un sector gandeiro que, segundo o propio conselleiro, está “en risco de desaparición”. Esta visión apocalíptica, dixo, non suscitou sen embargo que a Xunta desbloqueara os fondos dos que dispón para axudar aos produtores de carne, en contra do anunciado polo anterior presidente da Xunta en marzo, nun Consello ao que o propio Rueda acudiu como conselleiro.

O parlamentario socialista criticou o anuncio do presidente da Xunta e do propio conselleiro, nunha recente visita a unha granxa no concello de Trazo, anunciando a mobilización de 17 millóns de euros de axudas directas que despois foi coñecido que correspondían a fondos do Plan de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

Resumiu que “mentres o Estado tramitou 60 millóns de euros de axudas directas de ingreso inmediato para o vacún de carne e outros 120 para os produtores de leite de vaca, a Xunta de Galicia utiliza fondos do PDR -que son restados doutras liñas de axuda- e cero euros de fondos propios”. Criticou que “a realidade é que o único que fan é facilitar préstamos, ingresándolles ás entidades bancarias o 2 por cento da comisión de apertura dos mesmos”.

Martín Seco presentou no Parlamento a demanda das organizacións agrarias pedindo “que equilibraran o que reciben os produtores de leite do Estado”, en torno a 205 euros por vaca e, no caso da carne de vacún, eran de 60 euros por animal.

Explicou que “hai sectores como do da carne, tanto de vacún como avícola, de coello e porcino, que veñen sufrindo os efectos dunha crise estrutural agravada pola crise da pandemia e a posterior derivada dos prezos da enerxía e das materias primas, que tamén deben de ser atendidos pola Xunta”.