Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco denuncia a “inacción total” de Medio Ambiente para controlar a contaminación de acuíferos na Limia

O portavoz de Gandería do Grupo Parlamentario Socialista alerta de que “o desleixo da Xunta é un crime contra o medio ambiente e a nosa saúde” e reclama o freo á ampliación e instalación de novas granxas industriais

O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, alertou da “inacción total” da Consellería do Medio Ambiente á hora de controlar a contaminación de acuíferos na Limia, que a ten convertido no “maior inimigo do noso medio natural”. Seco presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que advertiu que o “desleixo” do goberno galego é “un crime contra o medio ambiente e a nosa saúde”.

O responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “poñan freo á instalación de novas granxas industriais e á ampliación das existentes”, ademais de encetar “políticas activas para ampliar a súa base territorial, controlar a xestión dos xurros e implicarse máis alá de grandes anuncios propagandísticos”.

Seco alertou do “grave problema de contaminación dos nosos acuíferos”, que ten levado á zona da Limia nunha situación “imposible” logo de 14 anos de goberno do PP, que continúa a negar a contaminación cando a Confederación Hidrográfica Miño - Sil alertara de incumprimentos nun 24 por cento dos puntos de mostraxe tomados xa a finais de 2019.

En maio deste mesmo ano foi o goberno de España o que publicou o mapa de contaminación por nitratos, no que alertaba de contaminación por nitratos en tres masas de augas superficiais situadas no río Limia e na canle da lagoa en Vilar de Santos, así como dúas augas subterráneas en Xinzo e Sandiás e dous puntos no pantano das Conchas.

Martín Seco reclamoulle á conselleira de Medio Ambiente que “tomen medida”, pero “para axudar á comarca da Limia a ter uns acuíferos limpos”, e “non para financiar as cacicadas de Baltar”. Reclamou que empreguen recursos propios para construír as piscinas lúdicas en Bande, pero que “non enterren millóns de euros europeos e estatais destinados á mellora das augas da Limia e do encoro das conchas para construír piscinas e reacondicionar termas”.