Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco denuncia a baixa mobilización de terra agraria derivada da falla de xestión da nova lei, que “ conta cos instrumentos para que a Xunta actúe”

O deputado socialista alerta da ausencia de iniciativas para a mellora da estrutura agraria mentres Galicia ten 900.000 hectáreas de terra abandonada.

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, criticou a paralización da Lei da recuperación da terra agraria de Galicia polo desleixo da Xunta. Así o dixo na comparecencia do conselleiro do Medio Rural no Pleno do Parlamento celebrado hoxe, onde advertiu da “falla de xestión, de programación, de persoal e de orzamento” para cumprir esta norma aprobada en 2021.

Advertiu que a norma “podería quedar en nada” se o goberno galego continúa furtando o orzamento, os medios materiais e humanos e un cronograma de actuacións para o cumprimento da norma. Sinalou o retraso dun ano na publicación do plan de acción anual para a recuperación agraria, que chega “sen ningunha novidade relevante co banco de terras, que segue a estar infrautilizado”, sen recursos nin persoal.

Seco afeoulle ao conselleiro do Medio Rural que a día de hoxe non desenvolveran o banco de explotacións, aínda non elaboraran o mapa de usos agroforestais e sigan sen rematar o catálogo de solos agropecuarios e forestais. Advertiu que “non se vai solucionar o problema de falla de superficie agraria útil con pequenas actuacións de recuperación de núcleos abandonados nas aldeas modelo”.

Sinalou que “aínda estamos a agardar polo informe de avaliación bianual” que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural debera de enviar ao Parlamento, ao Consello de Xestión da Terra Agroforestal e á Comisión de Seguimento. Esta Comisión segue sen ser constituída dous anos despois da aprobación da Lei, co que, sinalou, “demostran que non queren que o seu traballo teña unha avaliación independente”. 

O parlamentario socialista criticou os “retrasos na normativa de ordenación territorial” e a “ausencia de iniciativas” sobre a mellora da estrutura das terras agrarias nunha xestión caracterizada polos retrasos nos traballo de concentración parcelaria, con apenas 450.000 hectáreas, unha terceira parte do obxectivo.

E isto debido ao “bloqueo sistemático” da Lei de Montes Veciñais do goberno do socialista Laxe ou da Lei do Banco de Terras elaborada polo goberno de Touriño. Advertiu que hoxe Galicia ten 900.000 hectáreas de terra abandonada, das cales 400.000 poderían ter rendemento, e outras 50.000 son de alto valor agrario, pero, dixo, “en Galicia perdéronse case 9.000 hectáreas agrarias en 2020”.