Martín Seco cualifica de “parche” a declaración de emerxencia cinexética decretada pola Xunta fronte á invasión de xabarís
O deputado socialista acusa á Xunta de desprazar a responsabilidade sobre concellos e cazadores e reclámalles unha xuntanza inmediata coas entidades locais para coordinar a resposta á presencia destes animais nos núcleos urbanos, poñendo á súa disposición os recursos autonómicos
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, cualificou hoxe de “parche” a decisión da Xunta de declarar a emerxencia cinexética fronte á presenza de xabarís nas vilas e cidades de Galicia. O responsable socialista anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias logo dun encontro hoxe en Santiago co responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijóo, para analizar este problema.
O responsable socialista reclamoulle á Xunta que deixe de trasladarlle toda a responsabilidade aos concellos e aos cazadores e exerza as súas competencias para tomar medidas de calado. Seco esixiulle á Consellería do Medio Rural que convoque unha xuntanza de urxencia cos concellos de Galicia para buscar vías de colaboración e xestión destes animais nos núcleos urbanos, poñendo a disposición os recursos da administración autonómica para atrapar e xestionar estes animais.
Sinala que a caída do número de cazadores nos últimos anos obriga á Xunta a afrontar o problema con novos sistemas para acompañar a xestión da especie, como pode ser a colocación de gaiolas ou a alimentación temporal disuasoria para certos grupos de xabarís nos momentos de semente dos cultivos, nos que poden facer máis danos ás explotacións agrícolas.
Urxe a tomar medidas coordinadas para evitar os grandes problemas ocasionados pola excesiva poboación desta especie, como son os gastos millonarios que lle provoca aos agricultores galegos, o incremento de accidentes de tráfico, a posible aparición de problemas sanitarios ou tamén o risco potencial para a seguridade da veciñanza nos núcleos urbanos.
Seco subliña que a Xunta “non pode fuxir das súas competencias cargándolle os custes dunha mala xestión aos concellos de Galicia que non teñen medios para asumir esta situación”. Lembra que a día de hoxe seguen sen presentar no parlamento o Plan de Xestión do Xabaril, e advirte que “descoñecemos se ten censos fiables da cantidade de xabarís existentes e se fixo a contabilidade dos censos dos máis de 400 tecores de Galicia” para coñecer a realidade do problema.