Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco censura a inactividade da Xunta en materia industrial e reclámalle que lidere a busca de solucións para o sector do automóbil

O deputado socialista critica que a Xunta estea “sentada mirando e criticando ao goberno” mentres este “poñía a andar” o futuro centro de produción de semicondutores fotónicos de Vigo.

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, acusoiu hoxe ao goberno galego de manterse “sentado mirando” a crise dos semicondutores que obrigou a parar a planta de Stellantis de Vigo sen facer nada mais que “criticar” a actuación do goberno central. Lembrou que a inactividade do Executivo autonómico contrasta coa intervención do goberno, que “puxo a andar” o futuro centro de produción de semicondutores fotónicos de Vigo.

Seco presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Industria do Parlamento para urxir ao goberno galego a superar o seu desleixo e “liderar a busca de solucións que permitan preparar ao sector do automóbil para o futuro e atender ás necesidades formativas e dun emprego digno no presente”. A proposta foi rexeitada polo PP, que desatendeu as chamadas de atención do parlamentario socialista: “Galicia non se pode permitir o luxo de perder capacidade de produción”.

O responsable socialista lembrou que a Xunta conta con competencias en emprego, formación e industria, máis que suficientes para liderar un plan global para o sector do automóbil consensuado cos axentes sociais, empresas do sector e sindicatos. Lamentou que no canto de liderar a busca activa de oportunidades, o goberno galego fixo da inactividade e a crítica sistemática ao goberno de España o seu principal sinal de identidade.

Martín Seco lembrou que durante todo 2022 o sector do automóbil padeceu a falla de abastecemento de semicondutores, o que provocou gran número de paradas tanto na planta que Stellantis ten en Vigo como nas empresas provedoras. Este ano que comeza estamos a vivir ademais, dixo, unha crise derivada do “atasco” de vehículos novos amontonados á espera de ser exportados, mentres a factoría anuncia un ERTE e un ERE para un máximo de 100 traballadores.

O parlamentario socialista empraza ao goberno galego a tomar a iniciativa na busca de solucións, porque Galicia “non se pode permitir o luxo de perder capacidade de produción instalada”, o que provocaría unha importante perda de emprego que sería complicado de recuperar. Sinala a importancia fundamental de “apuntalar un dos sectores industriais máis importantes da comarca de Vigo e do conxunto de Galicia”.