Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco acusa á Xunta de abandoar ao sector apícola galego.

O deputado lamenta o voto en contra do PP a unha proposta socialista para reclamarlle ao goberno galego unha liña de axudas ao sector

O portavoz de agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, acusou hoxe á Xunta de “desleixo” co sector apícola, que precisa de medidas de apoio inmediatas para poder recuperarse. No debate dunha iniciativa en comisión parlamentaria, Seco advertiu que os apicultores “ven en risco a súa viabilidade futura” e emprazou ao goberno galego a que deixe “de botar balóns fóra cara a Madrid” e exerza as súas competencias.

O parlamentario esixe unha liña de axudas de rescate con fondos propios polo aumento de custes da súa produción e as perdas que están sufrindo polo cambio climático. A industria do mel que se ve afectado precisa que o goberno “pase a acción” e use as súas capacidades.

En Galicia hai unhas 4.500 explotacións apícolas das que 300 viven exclusivamente do mel e ven en risco o seu futuro. O deputado sinalou que a lei da cadea alimentaria detalla que ningunha produción pode venderse por debaixo do custe, algo que non se cumpre co mel.

De feito, os 3,5 euros que os produtores perciben por quilo de mel producido e posto no mercado non cobren “nin de lonxe”, subliñou Martín Seco, os custos de produción das explotacións de mel do noso.

O representante socialista reivindicou que o sector da mel necesita unha inxección económica que evite peches, así coma poñer en marcha un plan de acción contra a varroa en Galicia, que engadido a factores coma os incendios ou a velutina, fai que teñan unha caída da produción do 50%, e que ten aos produtores nun “momento crítico”.

Esta iniciativa presentada polo Grupo Socialista está de acordo coa nova PAC, na que estas intervencións sectoriais entran a formar parte dela, xunto cos pagos directos e coas intervencións de desenvolvemento rural, nun plan unificado. O parlamento demanda programar máis medidas, para incluír na PAC, que axuden ao impulso do sector apícola galego.

Seco sinalou que outro problema que afecta gravemente a esta industria é a entrada masiva de mel de países extra comunitarios como China, Turquía ou Arxentina, que ofrecen o producto a baixos prezos, lastrando así a comercialización do mel local. Para enfrontar isto o deputado instou a impulsar unha mellor etiquetaxe e poñer en marcha campañas de información e promoción do produto local e a importancia da producida no noso territorio.

Os gobernos deben utilizar as súas competencias para inspeccionar a través das axencias de información e control alimentario as irregularidades que se están a producir na comercialización da mel e que incumpren a lei da cadea alimentaria. Instou á Xunta a poñer en marcha mecanismos necesarios dende o goberno autonómico para garantir o cumprimento da lei da cadea no sector apícola.

Lamentou a irresposabilidade do PP por rexeitar a iniciativa socialista, mentres “bota balóns fora cara Madrid”. Seco acusou á Xunta de abdicar das súas competencias co seu voto en contra, negándose así a protexer e impulsar o sector apícola do país que tanto necesita o apoio da comisión de medio rural.