Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco reclámalle á Xunta que destine 2,4 millóns de euros aos agricultores que apostaron polo ecolóxico e quedaron sen axudas no 2022

O deputado socialista empraza ao conselleiro de Agricultura a indemnizar aos afectados e destituír ao director xeral de Gandería como máximo responsable do “desastre de xestión”

O portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle hoxe ao conselleiro de Agricultura que destine 2,4 millóns de euros de fondos propios a indemnizar aos agricultores que mudaron ao ecolóxico pero quedaron sen axudas da Xunta en 2022. Seco presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento na que reclamou o cese do director xeral de Gandería como máximo responsable deste “desastre de xestión”.

O responsable socialista alertou de que a falla de planificación do goberno galego provocou que 318 explotacións de agricultura ecolóxica, o 55 por cento do total, quedaran sen axudas no pasado exercicio, principalmente as que fixeron naquel ano a conversión á produción ecolóxica. Destas últimas, o goberno galego deixou sen axudas ao 86 por cento das explotacións agrícolas e o 83 por cento das gandeiras.

Lembrou que estes propietarios tomaron a decisión animados pola campaña do goberno galego impulsando a muda á produción ecolóxica, co que 250 explotacións, que representan o 12 por cento da superficie en ecolóxico, deciden dar o paso. Sen embargo, explica, a Xunta quedou sen fondos e entón, dixo, “trocan o discurso e chegan incluso a falar mal dos produtores e poñer en dúbida o aumento no número de hectáreas”.

Acusou ao conselleiro de asumir “ese papel de vendedor de crecepelo” para “falar do aumento das contías” obviando que máis da metade quedaron sen axudas e “criminalizando ao sector” cando “coñecían dende primavera do aumento de hectáreas de agricultura ecolóxica, e que o orzamento non chegaba”. Reclamoulle a destitución do director xeral de Gandería e director do Fondo Galego de Garantía Agraria “para que alguén competente tome as riendas neste desaguisado”.

Esixiulle ao conselleiro do Medio Rural que demostre “xustiza, sentido común e coherencia” e “rectifique cos mecanismos que establece a UE para casos como este e indemnice aos afectados con fondos propios antes de producirlle unha ferida de morte á agricultura ecolóxica”. Explicou que “hai recursos económicos suficientes” nunha Consellería que ano a ano “deixa millóns de euros sen executar que transfiren a outras consellerías”, e reclamou “vontade e compromiso político”.

Seco alertou da situación dramática de centos de propietarios que “fixeron un importante desembolso económico e un notable esforzo a nivel técnico”, e agora “atópanse coa denegación das axudas na convocatoria de 2022 e están á espera do que pasará no período 2023 a 2027”.

Advertiu que o goberno galego debera triplicar o orzamento co que contan para cubrir as máis de 45.000 hectáreas certificadas polo consello regulador de agricultura ecolóxica, nunha Comunidade Autónoma na que menos do 5 por cento da superficie está dedicada á produción ecolóxica. Esta cifra está moi lonxe do 10,2 por cento de media estatal e moito máis do 25 por cento da superficie agraria útil fixado como obxectivo no Pacto Verde europeo.