Apostamos por un plan eólico integral e transparente para toda Galicia
“Queremos que a Xunta actualice o Plan Sectorial Eólico de 1997 con medidas concretas no plano económico, medioambiental e de participación”, expón o voceiro socialista, Simón López
Defendemos:
No ámbito económico:
Establecer os tipos de gravame nos máximos permitidos para os impostos de xestión municipal vinculados coa actividade eólica.
Establecer no canon eólico e no Fondo de Compensación Ambiental que o canon sexa establecido pola potencia instalada do parque eólico, utilizando a recadación íntegra para actuar sobre melloras nos concellos e nas comunidades locais afectadas pola instalación dos ditos parques.
Introdución de protocolos de intercambio de información cos actores locais para maximizar o impacto económico no territorio afectado.
No ámbito da transparencia e participación:
Establecer un modelo de “contrato tipo” para favorecer a transparencia e garantías dos propietarios rurais.
Fomentar dende a administración autonómica, fórmulas de negociación previa entre promotor e propietario, previas a un posible inicio de procedemento expropiatorio, co obxectivo de favorecer unha negociación equilibrada.
Crear unha base pública de información dos prezos alcanzados nas negociacións entre as partes afectadas na instalación dun parque eólico. .
Creación dunha oficina de asesoramento técnico, administrativo e medioambiental, para concellos e comunidades afectadas por procesos de desenvolvemento de actividade eólica no seu territorio.
No ámbito patrimonial e medioambiental:
Reforzar as garantías patrimoniais e medioambientais dos territorios afectados pola instalación de novos parques eólicos, liñas de evacuación ou a repotenciación dos parques existentes, con especial atención á protección do territorio pertencente á Rede Natura e as súas futuras expansións, impedindo, en todo caso, o fraccionamento de proxectos de parques eólicos que se está a producir na nosa comunidade en vulneración da lexislación vixente.
Implementar mecanismos de información e asesoramento medioambiental para as comunidades afectadas pola implantación de parques eólicos.
No ámbito da planificación, en coordinación co Goberno do Estado:
Propoñer o deseño de figuras específicas para o fomento de parques eólicos comunitarios, reservando unha bolsa de MW anuais para a súa posta en marcha.
Estudar a recuperación da figura dos parques eólicos singulares ou outra figura similar de propiedade pública municipal.
Nestes momentos no que o sector está a experimentar un relanzamento, para nós é importante non repetir os erros cometidos no pasado. López destaca neste apartado a necesidade de “equilibrar a negociación entre as empresas instaladoras e os propietarios, nun proceso transparente que sexa unha ferramenta máis para loitar contra o despoboamento do noso rural”.