Socialistas de Arteixo

View Original

O Goberno do PP vota en contra da nosa moción para mellorar as zonas verdes de Arteixo

“Custa entender os motivos polos que os concelleiros conservadores non queren que o paseo fluvial ou Monticaño estean ben coidados para o uso da veciñanza”, afirma o voceiro socialista, Simón López

O pleno aprobou unha moción institucional con motivo do 8-M

“Parece que o Goberno local vive noutro municipio e non ve o estado tan lamentable no que se atopan as áreas verdes do concello con vertido no paseo fluvial, uns accesos ás praias que son un perigo ou a falta de mantemento do parque de Monticaño”, lamentou López ao termo da sesión plenaria.

Logramos que saíra adiante a súa proposta para instar á Xunta a elaborar un plan eólico integral para toda Galicia. Co voto a favor do PSOE, BNG e o concelleiro non adscrito, máis a abstención do PP, a corporación mostrou o seu acordo a actualizar o Plan Sectorial Eólico de 1997 con medidas económicas, medioambientais e de transparencia e participación.

Unanimidade

Por unanimidade aprobouse unha declaración institucional polo Días das Mulleres, o próximo 8 de marzo. A corporación acordou recoñecer as convocatorias do feminismo galego que este ano colocan no centro do debate os coidados e as consecuencias para as mulleres do sistema económico, social e político no que vivimos, agravadas polo impacto da pandemia. Impulsar a Rede de Concellos pola Igualdade e reafirmar o compromiso en poñer a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nun lugar central dentro da política pública de modo que a perspectiva de xénero se incorpore a todos os niveis e en todas as etapas, creando as condicións necesarias que permitan dinamizar as políticas de igualdade.

Toda a corporación votou a favor da suspensión durante este ano da taxa pola ocupación dos postos da feira semanal, así como a taxa das terrazas. “A exención destes impostos é fundamental para a supervivencia de moitos negocios e autónomos de Arteixo e aledámonos de que o Goberno local e o resto da corporación apoiasen esta iniciativa, que presentamos no anterior pleno”, indicou López.