Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG-PSOE considera inaceptable o recorte de profesorado na EEI de Vilarrodís

O portavoz socialista, Simón López, reclama que se potencie un centro que da servizo a unha das zonas de maior presión demográfica do concello.

EEI de Vilarrodís-Oseiro

As familias usuarias da Escola de Educación Infantil (EEI) de Vilarrodís-Oseiro xa saben que o próximo curso haberá un recorte de profesorado no centro. Isto implicará a redución do número de clases nunha das zonas do concello con maior presión demográfica, algo insólito e que só se pode entender como consecuencia da supresión dalgúns servizos. A escola perdeu a aula de atención temperá e o comedor e moitas familias tiveron que buscar alternativas de escolarización para lograr a conciliación. Para o PSdeG-PSOE, esta situación é inaceptable, xa que a matriculación caeu non por falta de demanda, senón pola desidia das administracións responsables.

O voceiro socialista no Concello, Simón López, considera que “as familias están perdendo servizos básicos pola mala xestión do PP, tanto na Xunta como no goberno municipal”. Na súa opinión, “en vez de potenciar a educación infantil, están reducindo a oferta nunha zona onde existe unha gran demanda”. O Grupo Municipal Socialista vai reclamar que se revise a decisión de recortar profesorado, así como o restablecemento dalgúns dos servizos suprimidos nos últimos anos, “a poder ser, xa para o curso que vén”, indica López.