O PSOE solicita novos horarios na liña 3 dos Buses de Arteixo que dá servizo a Loureda
É a única parroquia que carece de horarios a primeira hora da mañá, conta só con dúas viaxes diarias de ida e volta e o final do curso supuxo a anulación da liña de transporte escolar compartido das 9.
O PSOE de Arteixo solicitou ao goberno municipal, a través do rexistro, a ampliación dos horarios da liña 3 dos Buses de Arteixo, que actualmente dá servizo á veciñanza da parroquia de Loureda. O portavoz socialista no Concello, Simón López, considera que a actual frecuencia é “moi limitada”, xa que apenas existen dous horarios ao día, “mentres que outras parroquias contan con tres ou mesmo catro horarios”. De acordo co actual mapa do servizo, a liña conta con saídas dende a Oficina de Turismo ás 12:30 e 16:00 horas e viaxes de volta dende Pedra da Cruz ás 12:40 e as 16:00, sendo o único traxecto que carece de horarios a primeira hora da mañá.
O portavoz do PSdeG-PSOE denuncia que “dende hai meses a Xunta está a eliminar horarios sen ofrecer alternativa algunha de transporte á veciñanza de Loureda, deixando na estacada a moitas persoas que carecen de vehículo privado”. Os problemas, tal como se indica na reclamación presentada no Concello, víronse agravados nas últimas semanas trala anulación da liña de transporte escolar compartido das 9 da mañá, xa que o goberno galego non tivo a previsión de ofrecer outra opción que facilite a mobilidade durante os meses non lectivos. A supresión deste servizo sumouse á decisión previa de cancelar as frecuencias das 6, as 8 e as 10 da mañá.