O PSdeG-PSOE de Arteixo aplaude que o goberno municipal adopte medidas que “forman parte do noso programa”
O Grupo Municipal Socialista demanda que se axilicen as xestións para poñer en marcha a moción aprobada do pleno de marzo para converter en arte urbana as medianeiras dos edificios.
Esta pasada semana o goberno de Carlos Calvelo anunciou que porá en marcha unha empresa pública que se encargue da xestión do abastecemento de auga e o saneamento. É a segunda medida proposta dende a agrupación socialista que o alcalde asume como propia nas últimas semanas. O programa electoral do PSdeG-PSOE para as últimas elección municipais prevía, ademais, aproveitar os terreos urbanos baldíos de propiedade privada para mellorar o aparcadoiro, un problema importante para a veciñanza e o comercio local.
O portavoz socialista no Concello, Simón López, valora positivamente que “o goberno do PP queira poñer en marcha, aínda que chegue tarde, algunhas das propostas que levamos moito tempo defendendo”. Anima a Calvelo, ademais, a avanzar pola senda de escoitar e aplicar as ideas do principal grupo da oposición: “xa que non eles non teñen un modelo de vila, poden usar o noso”.
A bancada socialista confía en que estes anuncios do goberno municipal se poñan en práctica canto antes e a súa execución non quede no caixón, tal como aconteceu con outras iniciativas. Simón López pon como exemplo a moción aprobada por unanimidade no pleno do pasado mes de marzo, a iniciativa do PSdeG-PSOE, para transformar as medianeiras dos edificios sen rematar con arte urbana. “Lembrámoslle ao PP que os acordos do pleno hai que cumprilos e non poden deixar pasar o tempo sen mover un dedo”, recalca o portavoz.