O PSOE de Arteixo propón un servizo municipal de asesoramento sobre as tarifas eléctricas e os abusos das empresas
O Concello ten os medios e a capacidade económica para ofrecer, a través da OMIC, información á cidadanía sobre ás distintas posibilidades do mercado e os dereitos do consumidor.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo defende a necesidade de actuar, dende a administración local, para minimizar o impacto da suba da luz no benestar das familias de Arteixo. A situación que se está vivindo en toda Europa, derivada dos elevados prezos do gas, está a verse agravada pola invasión rusa de Ucraína. A esta incerteza que está a padecer a cidadanía hai que sumar a actualización irregular das tarifas por parte dalgunhas compañías, algo do que xa advertiron algunhas asociacións de consumidores. A concelleira socialista Ana Cedeira entende que “ante este problema, o goberno local ten a obriga de velar polo acceso da veciñanza a un ben esencial”.
O Concello de Arteixo non ten competencias en materia de enerxía, pero ten medios ao seu alcance para ofrecer asesoramento á cidadanía. Por este motivo, o PSdeG-PSOE vai presentar unha moción, no próximo pleno, para poñer en marcha unha campaña de información sobre as distintas opcións que ofrece o mercado de subministro eléctrico e os posibles abusos que as persoas consumidoras estean a sufrir por parte das empresas comercializadoras. De acordo con esta proposta, a iniciativa activaríase a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC).
Esforzo institucional
No texto da moción, o Grupo Municipal Socialista lembra o esforzo realizado a todos os niveis administrativos para atallar a crise enerxética. Ana Cedeira indica que “o goberno do Estado intensificou a súa aposta polas enerxías renovables, adoptou medidas para trocar o sistema de asignación de tarifas establecido polo PP de Mariano Rajoy e reduciu de maneira drástica os impostos aplicados á enerxía eléctrica, buscando protexer á poboación vulnerable”. Mesmo a Xunta activou unha campaña informativa sobre as novas tarifas eléctricas e o portavoz socialista entende que “a administración municipal, que é a máis próxima á cidadanía, debe sumarse agora a este esforzo de todas as institucións”.