Patricia Boedo será a candidata á alcaldía do PSdeG-PSOE de Arteixo nas eleccións municipais de 2023
A actual voceira do grupo municipal socialista no concello de Arteixo foi proclamada onte definitivamente candidata pola Comisión Nacional de Ética do PSdeG-PSOE:
“É preciso poñer todos os recursos económicos do concello ao servizo dos veciños e veciñas cun proxecto transformador e revitalizador que priorice o seu benestar”
A voceira do grupo municipal socialista de Arteixo, Patricia Boedo, será a cabeza de lista da candidatura socialista nas eleccións municipais de 2023, tal como ven de proclamar definitivamente onte a Comisión Nacional de Ética do PSdeG-PSOE.
Patricia Boedo Naya presentaba a súa candidatura o pasado 21 de novembro “despois de escoitar aos seus compañeiros da executiva local e do grupo municipal, e a outros militantes de base” coa seguridade de poder formar unha candidatura representativa da veciñanza de Arteixo que poida “levar a cabo un proxecto transformador e revitalizador para o noso concello”.
A xa candidata dos socialistas arteixáns para as vindeiras eleccións muncipais asegura que afronta este paso con “moita responsabilidade” pero coa ilusión de encabezar un proxecto que defenda os intereses da veciñanza de Arteixo “despois de 12 anos dun goberno do PP que non e quen de aproveitar os excelentes recursos económicos do concello para mellorar a calidade de vida da xente que aquí vive”.
“É preciso poñer todos eses recursos económicos ao servizo dos veciños e veciñas cun proxecto que priorice o seu benestar” dí Boedo, sobre todo nun “momento de incertidume económica como a que vivimos”. Para a candidata socialista “a nosa prioridade, a dos socialistas, é dar calidade de vida ás familias, aos maiores, aos nenos e nenas, á xuventude... para facer de Arteixo un lugar donde a xente queira quedar”
“O meu primeiro obxectivo é conformar unha candidatura de unidade, aberta á cidadanía, coa liberdade de poder escoller os mellores perfís que nos representen a todos os que aquí vivimos, e para elaborar un programa ilusionante que mostre que hai outra forma mellor de gobernar Arteixo para a xente” conclúe Patricia Boedo.
PATRICIA RAQUEL BOEDO NAYA
Patricia Boedo é veciña de Meicende. Diplomada en Maxisterio, na especialidade de Audición e Linguaxe e graduada en Educación Primaria. Traballou no CEIP San Xosé Obreiro donde foi xefa de estudios e na actualidade é mestra especialista en audición e linguaxe no CEIP Ponte dos Brozos.
Concelleira desde as eleccións do 2019 nas que formaba parte da lista do candidato á alcaldía, Martín Seco, é a voceira do grupo municipal socialista no concello de Arteixo desde maio de 2022 e vicesecretaria xeral da Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Arteixo.