O PSdeG elabora unha proposta para mellorar a seguridade viaria na parada de bus de Candame
O transporte escolar utiliza actualmente unha marquesiña situada á beira da estrada AC-552, de competencia autonómica, que soporta un intenso tráfico de vehículos, sen beirarrúas nin pasos peonís.
O inicio do curso volveu poñer de manifesto un problema que o PSdeG-PSOE denunciou xa en anos anteriores. As rapazas e os rapaces de Candame que utilizan o transporte escolar teñen que camiñar varios centos de metros para chegar ata a parada de bus, afastada do núcleo residencial, pola marxe da estrada AC-552 que vai a Carballo. Trátase dunha vía pola que circulan diariamente miles de vehículos, con frecuencia a unha velocidade excesiva, sen beirarrúas nin pasos peonís. A dificultade para cruzar a pé neste punto é evidente e a beiravía, ademais, está visiblemente descoidada e cuberta de lixo.
O PSdeG-PSOE presentou no rexistro municipal unha proposta para mellorar a seguridade viaria coa construción dunha beirarrúa dende o núcleo urbano en dirección á Laracha, a dotación de novas marquesiñas a ambos lados da estrada e a creación dun paso peonil resaltado. O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Simón López, convida ao goberno municipal a adoptar a proposta e facela realidade canto antes. “Xa sabemos que o PP de Carlos Calvelo non ten iniciativa para solucionar os problemas da xente de Arteixo, pero se queren poden volver apropiarse dunha das nosas ideas, que é algo que veñen facendo con moita frecuencia ultimamente”, indica o concelleiro.
Simón López advirte de que “non son só os escolares, senón toda a veciñanza, quen se ten que xogar a vida diariamente para utilizar o transporte público” e lamenta a inacción do Concello e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para solucionar o problema. Lembra que a A-552 é unha estrada autonómica, pero cre que “é o goberno municipal quen debe tomar a iniciativa e esixirlle á Xunta, gobernada tamén polo Partido Popular, que acometa as obras precisas para garantir a seguridade de viandantes e condutores”.