Socialistas de Arteixo

View Original

A iniciativa do PSOE para declarar Arteixo zona de liberdade LGTBIQ sitúa ao concello na vangarda da igualdade e a tolerancia

O pleno aprobou por unanimidade a proposta do Grupo Municipal Socialista para defender os dereitos do colectivo e reforzar as políticas públicas en favor da diversidade e en contra da LGTBIQfobia.

Patricia Boedo, concelleira do PSdeG-PSOE

Arteixo é oficialmente, dende esta semana, zona de liberdade LGTBIQ. Así o decidiu, por unanimidade, a corporación municipal ao aprobar a iniciativa do PSOE en defensa dos dereitos do colectivo. Na súa intervención durante o debate, a concelleira socialista Patricia Boedo reivindicou a necesidade de situar a Arteixo na vangarda da igualdade e a tolerancia, unha actitude que xa exhibiu a veciñanza, nas últimas semanas, durante as mobilizacións en rexeitamento ás agresións de odio por razón de orientación ou identidade sexual.

A moción que levou ao pleno o Grupo Municipal Socialista poñía de manifesto que loita contra a desigualdade “é unha responsabilidade compartida, que require de esforzos e accións conxuntas en todos os niveis de goberno e, en particular, por parte dos organismos locais e rexionais”. O goberno municipal de Arteixo ten agora a obriga de levar á práctica o contido desta declaración institucional, promovendo iniciativas destinadas a combater a discriminación diaria e os crimes de odio, impulsando a sensibilización cidadá respecto aos dereitos humanos de todas as persoas LGTBIQ.

O compromiso coas políticas públicas en favor da igualdade e o respecto é, para o PSdeG-PSOE, máis necesario ca nunca, atendendo ao auxe dos discursos homófobos promovidos polos partidos da extrema dereita e o retroceso dos dereitos da comunidade LGTBIQ nalgúns países da nosa contorna. Mesmo en España, o Observatorio contra a Homofobia está a detectar un preocupante aumento das agresións deste tipo, rexistrando 77 incidentes dende o 1 de xaneiro de 2021.