Socialistas de Arteixo

View Original

Os socialistas demandan un plan de investimentos para o barrio do Alto de Arteixo.

O grupo municipal socialista de Arteixo pedirá no pleno partidas orzamentarias específicas que se poidan executar coa maior brevidade posible.

Os socialistas de Arteixo presentarán un rogo no pleno de febreiro para pedir un plan de investimentos para o barrio do Alto de Arteixo con partidas orzamentarias específicas a executar coa maior brevidade posibles.

A portavoz do grupo municipal socialista, Patricia Boedo, argumenta que 12 anos despois da chegada de Carlos Calvelo á alcadía  e “pese ás múltiples promesas do actual goberno local para a veciñanza do barrio do alto de Arteixo, o barrio non mellorou as súas infraestruturas, non mellorou a súa mobilidade, nin a seguridade viaria” e denuncia que se  descoñecen cales foron as actuacións do actual goberno, “máis aló das promesas e os anuncios en prensa”.

Para os socialistas arteixáns, os barrios da periferia do casco urbano necesitan tamén que o goberno “poña a mirada nas súas necesidades” e faga investiementos en infraestruturas que melloren a calidade de vida da veciñanza, pero “mentres o centro de Arteixo está en obras dende fai meses, os barrios só reciben titulares e promesas que nunca acaban de facerse realidade” afirma a voceira socialista.

Patricia Boedo sinala que o barrio do alto de Arteixo queda situado entre os dous polígonos industriais do concello “e necesita de investimentos en seguridade viaria, en mobilidade y en servizos para as familias que nel viven” polo que o grupo municipal socialista presentará un rogo pedindo ao goberno local un plan para o barrio do Alto de Arteixo “con partidas orzamentarias específicas a executar coa maior brevidade posible”.