Os socialistas de Arteixo instan ao goberno local a presentar os recursos necesarios para evitar a instalación do parque eólico Carboeiro ante a autorización medioambiental da Xunta
O grupo municipal socialista preguntará no pleno sobre as iniciativas que vai tomar o goberno do concello de Arteixo para evitar a instalación deste parque eólico tan lesivo para a poboación.
O grupo municipal socialista preguntará no pleno de xaneiro sobre as iniciativas que vai a tomar o goberno do concello de Arteixo para evitar a instalación deste parque eólico tan lesivo para a poboación, unha vez coñecida a noticia de que a Consellería de Medio Ambiente daba a autorización medioambiental para a instalación do parque.
Aínda que o goberno local declarou públicamente que consideraba “insuficientes pero positivos” os cambios que se facían no proxecto, para os socialistas de Arteixo “é vital que o goberno local tome a iniciativa e prepare cos técnicos municipais os informes necesarios para presentar recursos contenciosos-administrativos ante a autorización de do parque eólico de Caboeiro, tal e como propuxeran no mes de xuño do ano pasado.
Patricia Boedo, voceira do grupo municipal socialista, explica que en xuño do 2022, o goberno do Partido Popular no concello de Arteixo rexeitou a proposta socialista de incluír na moción institucional que se ía a aprobar no pleno ordinario, “o compromiso de tomar canta iniciativa administrativa e xudicial fose necesaria para poñerlle freo ao Proxecto de Parque eólico Carboeiro”, un proxecto que os socialistas consideran “lesivo para os intereses da nosa cidadanía e a súa calidade de vida”.
Boedo sinala que con aquela proposta, os socialistas de Arteixo pedían que a unanimidade da corporación municipal “dixese alto e claro que todos estábamos en contra da instalación” de dito parque eólico no noso concello e que “chegaríamos as instancias que fosen necesarias incluídas as xudiciais para evitala”. Dende o grupo socialista se apoiaron as alegacións presentadas pola cidadanía que na maior parte eran as postas a disposición polo goberno local, as dos partidos políticos “entre elas as nosas, as de colectivos como Petón do Lobo ou as presentadas pola Asociación de veciños de Santa Leocadia”, ademais de para apoiar os informes do concello “sen ningún tipo de fisuras”.
“Temos dúbidas sobre as posibles actuacións do goberno local para evitar a instalación do Parque de Carboeiro” explica a voceira socialista , tras escoitar a moitos veciños que “o propio alcalde Carlos Calvelo lles comunicaba que estaba negociando coa empresa promotora do parque cambios no proxecto actual”, como a retirada do muíño número 4 ou compensacións en temas de tarifa eléctrica e temas de acceso á fibra para os veciños,, “algo que para o noso grupo era insuficiente, porque o prioritario debe ser a calidade de vida da nosa veciñanaza”
Por todo isto consideran necesario que o goberno local aclare que iniciativas vai tomar para evitar a instalación do parque eólico do Carboeiro.