Os socialistas de Arteixo reclaman un Plan de Vivenda e estudar a posibilidade de declarar o municipio como zona tensionada
O PSOE culpabiliza ao goberno local de falla de acción: “En 12 anos de goberno do Partido Popular en Arteixo non se fixo ningún tipo de política para facilitar o acceso á vivenda”
O grupo municipal socialista de Arteixo levará a pleno unha moción para instar ao goberno local a poñer en marcha un “Rexistro municipal permanente de solicitantes de vivenda” así como a redactar un “Plan de Vivenda Municipal” co fin de impulsar a construción e aluguer de vivendas a prezo alcanzable, así como estudar a posibilidade de declarar o municipio como zona tensionada para controlar os prezos do aluguer.
A portavoz dos socialistas arteixáns, Ana Cedeira, explica que o “Plan de Vivenda Municipal”, debe estar enfocado principalmente cara a cinco sectores: familias en exclusión social, vítimas de violencia de xénero, maiores, persoas con discapacidade e mocidade para a súa emancipación e acceso á súa primeira vivienda, e debe englobar transversalmente as áreas participantes como son Urbanismo e Servizos Sociais.
Cedeira sinala que nos derradeiros 12 anos de goberno do Partido Popular en Arteixo non se fixo ningún tipo de política para facilitar o acceso á vivenda á nosa veciñanza” e derivado desta falla de acción “vivimos un incremento de prezos dos alugueiros e a nova vivenda, inasumibles para a poboación arteixá e a que desexa instalarse no noso concello”.
Os socialistas lembran que o municipio segue sen ter a disposición un Plan Xeral de Ordenación Municipal “pola paralización deste goberno desde o 2011”, cun modelo urbanístico obsoleto “onde só constrúen uns poucos promotores inmobiliarios e os núcleos rurais non teñen capacidade de crecemento”.
Por outra banda, o grupo municipal socialista indica que existe un 22,2% de vivendas baleiras así como un uso ineficiente do espazo urbano e prácticas contrarias á función social da propiedade, “sen que en xeral, se realice o esforzo necesario para a posta en valor dun parque inmobiliario infrautilizado, con problemas derivados do progresivo deterioro físico ou a inadecuación funcional das vivendas”.
Para o desenvolvemento deste Plan de Vivenda, según o Grupo Municipal Socialista de Arteixo é prioritario saber cantas persoas no municipio necesitan dunha vivienda e crear un “rexistro permanente de demandantes de vivenda” que “poña nome e apelidos ás necesidades dos nosos cidadáns, que humanice esas esixencias, e que ofreza unha foto real do que nos piden os nosos veciños e veciñas”.
Así mesmo, os socialistas arteixáns propoñen estudar a posibilidade de declarar o municipio como zona tensionada segundo a nova lei de vivenda e tomar medidas para o control dos prezos.