Socialistas de Arteixo

View Original

Os socialistas de Arteixo reclaman un novo polideportivo para paliar a situación de saturación nas actividades municipais e dos clubes deportivos nas instalacións existentes

O grupo municipal socialista presentará unha moción no pleno ordinario de outubro  para abrir unha mesa de traballo cos clubes e asociacións deportivas do concello co fin de elaborar un informe sobre as necesidades de novas infraestruturas deportivas e o arranxo das existentes para un mellor desenvolvemento das súas actividades.

Polideportivo municipal de Arteixo

Os socialistas de Arteixo presentarán una moción no pleno ordinario de outubro para denunciar a situación de saturación das instalacións deportivas municipais e instar ao goberno local a abrir unha mesa de traballo cos clubes e asociacións deportivas co fin de elaborar un informe sobre as necesidades de novas infraestruturas deportivas e o arranxo das existentes para un mellor desenvolvemento das súas actividades.

O grupo municipal socialista reclama aproveitar o solo municipal existente no polígono de Sabón na parroquia de Oseiro, onde se sitúan os campos de fútbol, para novo equipamento deportivo e poder así planificar con urxencia a instalación dun polideportivo que alivie a saturación de actividades municipais e dos clubes deportivos nas instalacións existentes.

A voceira socialista, Patricia Boedo, sinala que o PP de Arteixo camiña cara os 12 anos de goberno local continuados nos que Arteixo aumentou a demografía, entre ela a poboación infantil e xuvenil, e nos que case se triplicaron os recursos económicos do concello, pasando de pouco máis de 20 millóns de euros a 60 millóns neste derradeiro exercicio.   “Un aumento de orzamento que non se percibe nos servizos que recibe a veciñanza aínda que prácticamente duplica ao  doutros concellos con máis poboación como Narón, Vilagarcía ou Oleiros ou cun número de habitantes similar como Culleredo, Carballo ou Ames” insiste Boedo.  

“Neste proceso de crecemento de poboación e orzamento local, o número de clubes deportivos que desenvolven a súa actividade en Arteixo foi incrementándose e tamén é maior o número de deportistas que teñen baixo a súa xestión deportiva” explica a voceira socialista, ao tempo que dende o Grupo Socialista queren poñer en valor o bo traballo que fai o persoal do servizo de deportes do concello e o dos clubes deportivos locais a pesar de ter limitadas en moitos casos as súas posibilidades de aumentar a calidade do seu traballo “pola falla de aposta do goberno local por mellorar a cantidade e a calidade das instalacións deportivas que temos no noso municipio” afirma Patricia Boedo.

Os socialistas reclaman que as instalacións deportivas municipais e as dos centros educativos están saturadas e que algúns dos polideportivos arrastran moitos anos de malas políticas de conservación, e que os clubes teñen que “facer sudokus para poder darlles horas de adestramento aos seus deportistas” e culpan ao grupo de goberno de renunciar en dúas ocasións a apostar polos clubes deportivos que desenvolven a súa actividade en piscina, de ter esquecidos e con outros plans as instalacións municipais do polígono de Sabón en Oseiro, de non aproveitar para instalar novos polideportivos ou de pechar as pistas deportivas de Uxes, Suevos ou Galán.

“Doce anos despois, o PP segue sen apostar por un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que puidera ter planificado a instalación de novas infraestruturas deportivas, un documento que segue a estar á espera de licitarse pese ao aprobado en pleno e despois de que meteran no caixón o documento de aprobación inicial que recibira o goberno local ao final da lexislatura que rematou no 2011” conclúe a voceira socialista, Patricia Boedo.