Socialistas de Arteixo

View Original

Os socialistas de Arteixo reclaman solucións ao problema de aparcamento nos núcleos urbanos do municipio.

O grupo municipal socialista dubida da efectividade do programa “Esponjamiento urbano” anunciado polo goberno do PP no 2021

O grupo municipal socialista de Arteixo preguntará no pleno do mes de novembro pola efectividade do programa “Esponjamiento Urbano” presentado polo goberno local no 2021 para solucionar o problema de aparcamento nos  núcleos urbanos do municipio.

Os socialistas arteixáns sinalan que os núcleos urbanos de Arteixo “hai tempo teñen un problema de aparcamento en certos horarios e días da semana”, que incide negativamente na dinámica social e económica do municipio, sobre todo nos sectores comerciais e hostaleiros.

A portavoz socialista, Ana Cedeira, expón que “as solucións ao problema xa existente pero sobre todo aos que veñen no futuro” deben estar baseadas en actuacións a curto prazo e outras a medio e longo prazo. A curto prazo, a proposta socialista  é “conseguir a cesión de todos os terreos baleiros posibles tal e como pediu o noso grupo municipal hai anos” e conseguir novas prazas co desenvolvemento urbanístico da actual malla urbana, pero  Cedeira insiste que “a medio e longo prazo débese planificar o aparcamento nun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal coa instalación de novas infraestruturas de aparcadoiros”

O grupo municipal socialista lembra que o concello de Arteixo conta con parcelas cedidas por propietarios privados para utilizar como aparcadoiros públicos dende hai moitos anos, coma o terreo de gran tamaño que se atopa preto da casa consistorial que linda coa Avda. Baldomero Iglesias, a Avda do Balneario e o Camiño da Baiuca, “un soar que permite o aparcamento dun gran número de vehículos e que sabemos que foi cedido a cambio dalgunha pequena contrapartida” explica Cedeira. 

O goberno local presentou en 2021 o programa “Esponjamiento Urbano” para conseguir soares baleiros e poder utilizalos como aparcadoiros, zonas verdes ou para melloras da conectividade urbana, a cambio da exención do pago do IBI. O concello encargaríase da limpeza e adecuación do soar cedido, que o propietario podería recuperar en calquera instante cun preaviso de tres meses.

O propio grupo de goberno informou que estimaba a existencia duns 157 soares nestas condicións nos núcleos de Arteixo, Vilarrodís, Meicende e Pastoriza, cos que se podían crear 500 prazas de aparcamento en Arteixo e outras tantas no resto dos 3 núcleos.

A voceira socialista explica que “dende este anuncio aprobado pola Xunta de Goberno Local hai máis de dous anos, no grupo municipal do PSdeG-PSOE non somos coñecedores de que se cederan novos terreos que teñan uso como aparcamentos” aínda que se teñan anunciado novas cesións, como un preto do centro médico de Arteixo, no entorno da rúa Arquitecto Domingo de Andrade, ou da rúa Touriñana en Meicende, polo que reclaman coñecer  cantos soares ten o concello de Arteixo cedidos por privados para utilizar como  aparcadoiro nos diferentes núcleos urbanos do municipio, cantas parcelas e prazas de aparcamento novas existen dende a aprobación do Plan “Esponjamiento urbano” e cantos están xa en  funcionamento.

Os socialistas tamén demandan ceñecer se está renovado o convenio cos propietarios das parcelas do soar que se sitúa preto da casa consistorial que linda coa Avda. Baldomero Iglesias, a Avda. do Balneario e o Camiño da Baiuca e se nestes últimos anos se respectaron  as condicións baixo as que foi cedido.