Socialistas de Arteixo

View Original

Os socialistas de Arteixo reclaman actuacións urxentes de rehabilitación en Meicende

Simultaneamente demandan incrementar a vixilancia policial ante a repunta de delincuencia no barrio.

O grupo municipal socialista de Arteixo reiterará no pleno a súa petición de actuacións urxentes de rehabilitación e dinamización de barrios en Meicende, dotándoo de boas infraestruturas,  mobiliario urbano e iluminación que melloren a convivencia entre a súa cidadanía e afasten a aqueles que non respectan dita convivencia.

O portavoz socialista, Martín Seco, explica que dende a eliminación da barriada de Penamoa na cidade de A Coruña e posteriormente das vivendas que se situaban na recta de San José, próximos ao núcleo de Meicende e focos tradicionais de venta de estupefacientes, trouxo consigo o aumento de delincuencia e a aparición de novos focos de venta de drogas na zona.

“No concello de Arteixo temos a obriga de converter  todos e cada un dos barrios de Meicende en zonas atractivas para vivir, afastando aos que queren degradar o noso territorio e convivencia da nosa veciñanza” continúa Seco, polo que urxe a mellora urbanística do barrio de O Petón e As Eiras, das súas vías de comunicación e mobilidade, da súa accesibilidade, da iluminación, da creación e coidado de espazos comúns, do seu mobiliario, da limpeza e mantemento das súas zonas verdes e a seguridade.

O voceiro socialista indica que son coñecedores do proxecto de área de rehabilitación integral do Petón, pero “o goberno debe actuar xa e non só refuxiarse en futuros proxectos” porque a veciñanza advirte dun novo repunte da actividade delitiva neste barrio e piden redobrar a vixilancia policial e actuar contra aqueles que degradan os nosos barrios.