Socialistas de Arteixo

View Original

Os socialistas de Arteixo presentan “ARTEIXO TERMAL” como elemento dinamizador do emprego, o turismo e a hostalaría no concello.

Patricia Boedo: “Elaboraremos un proxecto de termas públicas para uso gratuíto do pobo na parroquia de Loureda. É hora de recuperar o termalismo como sinal de identidade de Arteixo.”

A candidata socialista, Patricia Boedo, presentou hoxe en Loureda o seu programa de goberno con especial fincapé no proxecto ARTEIXO TERMAL.

 Despois da adquisición das instalacións do antigo Balneario por parte da Fundación Amancio Ortega e a súa cesión ao Concello de Arteixo, os socialistas arteixáns queren desenvolver o PROXECTO ARTEIXO TERMAL, aproveitando as instalacións da parte da edificación que estaba dedicada a balneario para a súa posta a disposición da cidadanía e proxectar a instalación dunhas termas ao aire libre na parroquia de Loureda, ao estilo das existentes nas Chavasqueiras en Ourense ou as Caldas de Lugo.

Para Patricia Boedo é esencial recuperar o termalismo como “elemento dinamizador do emprego, o turismo e a hostalaría” do concello e anuncia que “elaboraremos un proxecto de termas públicas para uso gratuíto do pobo na parroquia de Loureda” porque “é hora de recuperar o termalismo como sinal de identidade de Arteixo.”

Ademáis do proxecto de Arteixo Termal, Boedo tamén insistiu nas necesidades específicas das parroquias, como a construción das beirarrúas pola estrada DP-511 cara Boedo e por toda a Ponte do Ba na Travesía de Arteixo así como o acondicionamento da pista que vai dende O Foxo ata Larín como estrada municipal e do  camiño real de Ervedíns ao Valle.

E novamente os socialistas reafirmáronse na “defensa a ultranza do noso territorio evitando a  instalación de parques eólicos ou novas liñas de alta tensión” na proximidade dos núcleos de poboación e “promoveremos o soterramento das liñas de media tensión e cableado de telecomunicacións” como parte esencial para acadar un concello verde e saudable.

Os socialistas de Arteixo teñen planificado para mañá martes 23 de maio un acto no Centro Social de Meicende ás 20:30