Socialistas de Arteixo

View Original

Os socialistas de Arteixo piden declarar o concello de Arteixo, concello libre de LGTBIfobia.

O grupo municipal arteixán tamén instará á Xunta a dar cumprimento ao artigo 8 da Lei 2/2014 do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia e crear os Servizos Municipais de Información, Atención e Asesoramento LGBTI

Arteixo, 17 de Maio de 2022 | Co gallo da celebración do 17 de maio, día internacional contra a LGBTIfobia, o grupo municipal socialista de Arteixo levará ao vinceiro pleno  unha moción para continuar cos avances en dereitos LGBTI acadados a nivel global e que protexen ás lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais nun gran número de países.

Por iso presentarán á consideración do pleno da corporación municipal,  declarar o Concello de Arteixo, Concello libre de LGBTIfobia e ao mesmo tempo instar a Xunta a que de cumprimento ao artigo 8 da Lei 2/2014 do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia e crear os Servizos Municipais de Información, Atención e Asesoramento LGBTI, con persoal especializado e dotación orzamentaria para o desenvolvemento da súa actividade, así como a que se comprometa nos vindeiros Orzamentos da Xunta de Galicia a incrementar o orzamento destinado ás políticas LGBTI creando unha partida orzamentaria propia destinada a este fin.

Tal como manifestou a voceira dos socialistas arteixáns, Patricia Boedo, “pese aos avances lexislativos producidos no conxunto do Estado con leis socialistas” en referencia á lei 13/2005 do matrimonio igualitario ou a lei 3/2007 da rectificación rexistral da mención relativa ao sexo e no ámbito autonómico coa aprobación da lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación LGBTI proposta polo PSdeG, “as persoas LGBTI seguen a a vivir vexacións, insultos, discriminación, violencia, ameazas e agresións polo simple feito de ser como son e amar libremente”

“Un recente estudo elaborado pola UXT amósanos que o 91 % das persoas LGBTI na nosa Comunidade Autónoma consideran necesario ocultar a súa orientación sexual, o 96 % consideran que a súa orientación sexual é un inconveniente á hora de atopar traballo e 6 de cada 10 traballadoras e traballadores LGBTI en Galicia teñen vivido algunha agresión, dende comentarios de carácter despectivo, xestos ou agresións físicas” afima Boedo.  “O asasinato de Samuel o pasado ano na Coruña, as recentes agresións LGBTifóbicas nos concellos de Ourense, Ribadavia ou Vigo, son só a punta do iceberg dun conxunto de actitudes discriminatorias que atopan acubillo nos discursos de odio e requiren unha resposta firme das institucións públicas, que se concreten en máis políticas destinadas á erradicación da LGBTIfobia.”