Socialistas de Arteixo

View Original

Os socialistas de Arteixo piden ao goberno local que explique as actuacións para a rehabilitación do barrio do Petón que antes se negaba a facer

O grupo municipal socialista lembra que en maio de 2022 presentaron unha moción pedindo un plan de rehabilitación integral do barrio que o alcalde rexeitou porque “menosprezaba o barrio e sinalaba a zona”

O grupo municipal socialista de Arteixo pídelle ao goberno local que explique as actuacións para a rehabilitación do barrio do Petón que agora pensa facer despois da aparición en prensa da contratación dun proxecto para pedir a declaración de O Petón como área de rehabilitación integral (ARI) por parte da Xunta.

Os socialistas celebran esa petición pero lembran que en maio de 2022 presentaron unha moción pedindo un plan de rehabilitación integral para o barrio do Petón que o alcalde rexeitou nun ton pouco apropiado para un alcalde porque según as súas palabras “menosprezaba o barrio sinalaba a zona”.

A portavoz socialista, Patricia Boedo, explica que a moción presentada no mes de maio polo grupo socialista pedía un “Plan de rehabilitación integral” do barrio, porque ese barrio de Meicende empeorou nesta derradeira década as súas infraestruturas e a convivencia entre a súa cidadanía coa eliminación na cidade de A Coruña da barriada de Penamoa e posteriormente das vivendas que se situaban na recta de San José, o que aparellou o aumento de delincuencia e a aparición de novos focos de venta de drogas neste barrio arteixán.

Os socialistas consideran unha “obriga converter  todos e cada un dos barrios de Meicende e Borroa en zonas atractivas para vivir” polo que Boedo explica que “é necesario a mellora urbanística do barrio de O Petón, das súas vías de comunicación e mobilidade, da súa accesibilidade, a creación e coidado de espazos comúns, do seu mobiliario, da limpeza e mantemento das súas zonas verdes e a seguridade” porque son indispensables para a mellora da calidade de vida da veciñanza, o fomento da convivencia e a eliminación das actividades delituosas que se producen no barrio.  

Pero naquel momento, no debate desa iniciativa, o alcalde de Arteixo “nese ton impropio do máximo dirixente dun concello, acusou ao grupo socialista de menosprezar o barrio e sinalar a zona” sinala Boedo, e agora “lemos nas noticias” que o concello de Arteixo vai contratar un proxecto para pedir a declaración de O Petón como área de rehabilitación integral (ARI) por parte da Xunta.

A  declaración como área de rehabilitación integral (ARI) pode dar acceso a un catálogo de axudas directas para rehabilitar e mellorar as condicións das vivendas do barrio, “unhas axudas que medraron notablemente dende a consecución dos fondos europeos por parte do goberno do estado” según a concelleira socialista, e o  concello tamén poderá pedir subvencións para crear novos espazos públicos ou mellorar os existentes.

“Ante este cambio de rumbo, lle pedimos ao grupo de goberno do Partido Popular que informe aos membros da corporación de Arteixo das actuacións que ten pensado para o barrio de o Petón en Meicende e que se desculpe polas acusacións realizadas no mes de maio ao noso grupo cando pedíamos un plan de rehabilitación para este núcleo arteixán” remata Patricia Boedo.

 Ligazóns ás peticións anteriores rexeitada polo goberno local para o barrio de O Petón :

O PSdeG-PSOE reclama un plan de rehabilitación integral para o barrio do Petón (Maio 2022)

O PSdeG-PSOE de Arteixo denuncia a situación de inseguridade que vive a veciñanza da rúa Rosa Chacel (Novembro 2022)