Socialistas de Arteixo

View Original

Os socialistas de Arteixo pídenlle a Repsol que busque alternativas para manter os postos de traballo da refinería

Simón López solicita a retirada do ERTE, “que non está xustificado dende o punto de vista económico” e garante o apoio do PSdeG ás reivindicacións do comité de empresa.

Reunión do PSdeG-PSOE co comité de empresa da refinería

O grupo municipal do PSdeG no concello de Arteixo mantivo unha reunión con representantes do comité de empresa da refinería de Repsol, que amosaron o seu rexeitamento ao Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) proposto dende a dirección da compañía. O portavoz socialista, Simón López, amosou o seu apoio ás reivindicacións do persoal e pediulle á empresa  que garanta a continuidade dos postos de traballo. O complexo industrial de Meicende é de enorme importancia para Arteixo, xa que dá traballo a moita xente que vive e consume no termo municipal e a súa tributación é unha das principais fontes de ingresos do concello.

De acordo coas cifras que manexa a propia compañía, o portavoz socialista entende que “o ERTE non se fundamenta en causas económicas, xa que vai supoñer un aforro insignificante para a contabilidade da empresa” e comparte a preocupación dos sindicatos, que temen que este tipo de axustes temporais de persoal se repitan todos os anos e mesmo se convertan en definitivos. O PSdeG defende a necesidade de buscar proxectos alternativos para que a empresa se poida acoller aos fondos europeos de transición ecolóxica.

Para os socialistas, non é o momento de pedirlle sacrificios ao cadro de persoal. Durante a pandemia, moitas persoas tiveron que facer quendas de ata 12 horas ao día, xa que se trataba dun sector esencial e a actividade da refinería non cesou en ningún momento. Simón López apela á responsabilidade social corporativa para pedirlle a Repsol que retire “un ERTE inxusto e inxustificado” e fai un chamamento tanto á Xunta como ao Concello de Arteixo para que “non miren para outro lado e busquen solucións, xunto á dirección da empresa, para a situación de incerteza que están a vivir centos de traballadores e traballadoras”.