Os socialistas de Arteixo instan ao grupo de goberno do Partido Popular a analizar o incremento das últimas facturas da auga ao nome da empresa SUMARTE
O grupo municipal socialista pide que se informe por vía postal do cambio a todos os usuarios axudando a aqueles que devolveron os cargos por medo dunha nova estafa bancaria.
O grupo municipal socialista de Arteixo insta ao goberno do Partido Popular a analizar o incremento das últimas facturas da auga a nome da empresa SUMARTE e lle pide que se informe por vía postal do cambio a todos os usuarios axudando a aqueles que devolveron os cargos por medo dunha nova estafa bancaria.
Os socialistas explican que este mes chegaron ás vivendas da veciñanza de Arteixo os cargos da factura da auga ao nome da nova empresa municipal de servizos SUMARTE sen información previa por escrito aos abonados, xa que a notificación do cambio só se fixo por redes sociais, un medio que non utilizan todos os veciños.
O grupo socialista tamén recolleu as queixas dalgúns usuarios de que os importes cobrados eran máis elevados con respecto a facturas anteriores, o que provocou que moitos veciños e veciñas ante o descoñecemento da entidade emisora do cargo bancario devolveran eses recibos por medo a unha posible estafa.
A voceira socialista, Patricia Boedo, requiriu que “para un bo funcionamento” da nosa administración é preciso ter informado por vía postal dos cambios á cidadanía antes de proceder ao cobro das facturas, pero “ninguén do grupo de goberno advertiu desta situación aos usuarios do servizo”.
Por todo isto, dí Boedo, o grupo socialista no concello de Arteixo lle pide ao grupo de goberno do Partido Popular que “analice ese incremento das facturas da auga nesta última factura ao nome da empresa SUMARTE” pero tamén que informe por vía postal do cambio a todos os usuarios axudando a aqueles que devolveron os cargos por medo dunha nova estafa bancaria.