Socialistas de Arteixo

View Original

Os socialistas de Arteixo instan ao goberno local a explicar as razóns do precintado da pista multixogo de Camiño dos Cabalos

O grupo municipal considera inadmisible que se proxecte unha nova pista multixogo por valor de 130.000 euros no novo parque central  despois de que en 12 anos o goberno popular non foi quen de establecer un sistema de apertura das pistas que agora precinta sen explicación.

O grupo municipal socialista de Arteixo insta ao goberno local a explicar as razóns do precintado da pista multixogo de Camiño dos Cabalos despois de gastar decenas de miles de euros na súa construción.

Os socialistas explican que a pista precintada situada no cruce entre a rúa Río Sil e a rúa Camiño dos Cabalos foi ademáis “fonte de conflitos” entre algúns veciños da zona e os usuarios da pista,  motivados polas “irregularidades nos horarios de apertura e peche a discreción dalgún veciño da zona que ten as chaves”.

A voceira do grupo municipal socialista e candidata do PSOE nas vindeiras eleccións municipais, Patricia Boedo considera inadmisible que “por riba se proxecte unha nova pista multixogo por valor de 130.000 euros no novo parque centrala poucos pasos da pista precintada”

“Despois de 12 anos de goberno, vemos que quen non puido establecer un sistema de apertura das pistas que agora precinta, quere abrir unha nova pista multixogo   malgastando fondos públicos sen explicación. Algo incríble para quen di que quería denunciar ao Ministerio polo mal uso dos cartos públicos nos carrís de acceso da AG-55 coa A-15” denuncia Boedo.

Para Patricia Boedo, o goberno municipal ten que aclarar primeiro cal é “ a causa do precintado” da pista multixogo do Camiño dos Cabalos, e de paso explicar por que ten a chave das instalacións un veciño da zona e non se xestiona a súa apertura e peche dende o concello.

Ademáis os socialistas queren saber “se van convivir a pista proxectada e a actualmente precintada”, e de non ser así “quen do goberno local vai asumir o custe económico dunha inversión tirada ao lixo”.