Os socialistas de Arteixo instan ao concello a esixir a liberación da peaxe da AG-55 á Xunta de Galicia coa mesma convición que ao goberno de España como alternativa de enlace ao Porto Exterior
O grupo municipal socialista presentará unha moción no pleno para pedir apoio ás emendas que fixo o seu grupo parlamentario aos orzamentos da Xunta en 2023 e a liberación da peaxe da AG-55 tralo fracaso xudicial do concello.
O PSdeG-PSOE de Arteixo insta ao goberno municipal a esixir a liberación da peaxe da AG-55 á Xunta de Galicia coa mesma convición que ven de pedírllo ao goberno de España para que a elixa como alternativa de enlace ao Porto Exterior.
Os socialistas arteixáns argumentan que trala intervención do alcalde Carlos Calvelo durante a visita da Ministra de Transportes a Langosteira reclamando a liberación da peaxe da AG-55 é preciso lembrarlle que esa estrada é propiedade da Xunta de Galicia, e que “polo tanto esa liberación só poder ser aprobada polo goberno autonómico”.
“O grupo de goberno do PP en Arteixo volve falar da liberación da peaxe da AG-55, unha liberación necesaria, pero que só pode facer realidade o goberno da Xunta de Galicia” explica o secretario xeral dos socialistas arteixáns e deputado no Parlamento de Galicia, Martín Seco, e lembra o “fracaso do alcalde nos tribunais” co recurso presentado contra a decisión dos técnicos do Ministerio de construír a prolongación da autovía de acceso ao porto cunha nova infraestrutura que a conecte coa terceira ronda da cidade herculina e que apostase pola liberación da peaxe en Pastoriza da AG-55 para tal fin e o parlamentario engade que a xustiza avalou a decisión dos técnicos do ministerio para desenvolver ese novo trazado que “está xa decido e a espera da licitación do seu proxecto”.
Pese “ao fracaso do alcalde nos tribunais”, os socialistas consideran esencial a eliminación da peaxe da AG-55 para o futuro da actividade económica do concello e da mobilidade da veciñanza, polo que “cómpre solicitarlle á Xunta de Galicia o compromiso orzamentario necesario” para a liberación da peaxe “coa mesma forza e unidade das forzas políticas locais que o alcalde tivo na reivindicación que lle fixo ao Estado”, xa que “só a Xunta de Galicia pode facelo realidade, nunha infraestrutura de propiedade do goberno galego que foi construída como pública e que o PP converteu en privada” explica Seco.
Martín Seco, argumenta que “hai que lembrarlle ao alcalde que é o goberno do Sánchez o que ven de rematar a parálise que establecera o goberno de Mariano Rajoy no acceso ferroviario ao Porto Exterior e que suporá unha inversión millonaria no noso concello” en referencia aos inversores industriais a nivel internacional como Maersk para as instalacións de Langosteira.
O deputado socialista tamén se referiu aos 2 millóns de euros concedidos ao concello de Arteixo neste último ano en convocatorias realizadas polo Plan de Recuperación tal e como explicou a subdelegada do goberno na Coruña, María Rivas, na súa visita á Capela do Balneario que vai a ser rehabilitada con fondos estatais, pero engade que “a Xunta de Galicia semella que non pode adoptar nin o compromiso de eliminar a peaxe da AG-55, unha cuestión vital para a nosa mobilidade e actividade económica”.
Seco insiste que o concello “ten a obriga de aproveitar as diferentes convocatorias do Plan de Recuperación do Estado” para humanizar e dotar de mellores servizos á nosa cidadanía, incidindo en cuestións como a eficiencia enerxética, a mellora na iluminación, as infraestruturas que melloren a mobilidade e o impulso das zonas verdes, que “xa deberan estar na planificación do noso concello, poñendo o foco en núcleos que necesitan destas actuacións para a mellora da súa calidade de vida, seguridade e convivencia”.
EMENDAS SOCIALISTAS AOS ORZAMENTOS DA XUNTA
Os socialistas de Arteixo consideran que é preciso instar ao ao goberno galego a liberar de peaxe a autopista AG-55, contemplando nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2023 unha partida para facelo posible. O grupo municipal socialista tamén pedirá no pleno que se acepten as emendas do grupo parlamentario socialista que afectan directamente á mellora da calidade de vida da veciñanza do concello de Arteixo como:
Proxecto mellora integral da seguridade viaria na AC-552 ao seu paso por Vilarrodís, Candame, Lañas e Larín
Proxecto enlace polígono industrial de Morás coa AC-552 na rotonda de Pescanova
Proxecto novo Centro Público Integrado
Proxecto rehabilitación do IES Manuel Murguía
Proxecto cuberta IES Pastoriza e construción vestiario
Proxecto construción Centro de día e residencia de maiores zona norte do concello
Proxecto construción dique no Porto de Suevos
Proxecto ampliación Centro Saúde de Arteixo