Os socialistas de Arteixo instan ao concello a buscar solucións ante a falta de prazas no servizo de comedor do CEIP Ponte dos Brozos
O grupo municipal socialista xa presentou unha moción no pleno de xuño demandando a posta a disposición de solo público para a construción dun CPI que arranxara a situación de saturación dos centros educativos no concello que foi rexeitada polo goberno popular de Carlos Calvelo.
O grupo municipal socialista do Concello de Arteixo reclama unha solución para os preto de 150 alumnos e alumnas do CEIP Ponte dos Brozos que quedarán sen praza no servizo de comedor que oferta a ANPA no vindeiro curso pola falla de espazo no centro educativo.
Dende o grupo socialista consideran prioritario darlles unha solución a estas familias para que “esa publicidade institucional de que somos un concello que prioriza a conciliación non se quede en mera propaganda” explica a voceira socialista, Patricia Boedo, ao tempo que reclama ao goberno municipal “que se poña en contacto con premura coas familias afectadas e busque solucións dialogadas coa Consellería de Educación para poñer a disposición todos “os recursos municipais que sexan precisos para que estas 150 familias non se queden sen a posibilidade de conciliar a súa vida laboral e familiar”.
Boedo recalca que “no pleno ordinario do pasado mes de xuño, o Grupo Municipal Socialista xa presentou unha moción demandando ao goberno local de Arteixo a urxente posta a disposición de solo público”, para ofrecerllo á Consellería de Educación da Xunta de Galicia “de cara á construción dun CPI que arranxe os problemas de saturación dos centros educativos do noso concello” pero, continua explicando a voceira do grupo socialista, “despois de 7 anos de bandazos e de ser o propio goberno local quen prometeu a súa construción e que a Xunta orzamentara en varios anos consecutivos o proxecto, o PP de Carlos Calvelo votou en contra da nosa iniciativa por considerar que xa non era necesaria a construción deste novo centro educativo”.
Os socialistas de Arteixo denuncian que é evidente a saturación das instalacións do CEIP Ponte dos Brozos e do IES Manuel Murguía con falla de espazos educativos e aulas improvisadas, pese a ser macrocentros con características pluriculturais polo número de alumnos procedentes doutras nacionalidades, e “aínda que o noso concello ten previsións de crecemento vexetativo, o goberno de Carlos Calvelo abandona as reivindicacións da sociedade arteixá para ter uns mellores servizos educativos” insiste Boedo.
O grupo municipal socialista reclama novamente a construción dun novo CPI para o Concello de Arteixo que dea solución a medio prazo aos problemas de saturación do CEIP Ponte dos Brozos e o IES Manuel Murguía e que en diálogo coas familias afectadas e coa administración autonómica se involucre na procura de solucións inmediatas para as 150 familias afectadas pola incapacidade de ter acceso ao servizo de comedor no curso que comeza no mes de setembro.