Socialistas de Arteixo

View Original

Os socialistas de Arteixo denuncian que o goberno local organice eventos para falar de plans estratéxicos cando o Plan Xeral de Ordenación Municipal está paralizado 

O Grupo Municipal Socialista considera prioritario que o concello de Arteixo finalice os deslindes cos municipios veciños e elabore o PXOM para darlle calidade de vida á veciñanza.

Os socialistas de Arteixo denuncian que o goberno local falase de plans estratéxicos no evento organizado a semana pasada cando o Plan Xeral de Ordenación Municipal está paralizado.

A voceira do grupo municipal socialista, Patricia Boedo, explica que na “conferencia estratéxica” celebrada en Arteixo a semana pasada especialistas en axenda urbana falaron da evolución da planificación das cidades e pobos e sinalaban que unha vez finalizada a redacción dos plans xerais de ordenación municipal xa tocaba falar dos plans estratéxicos dos municipios.

Para Boedo “o curioso é que en Arteixo pese a publicidade desta planificación estratéxica, doce anos despois da chegada ao goberno do actual alcalde, seguimos sen dar pasos para ter á nosa disposición un planeamento urbanístico axeitado e seguimos dependendo dunhas normas subsidiarias do século pasado”  e sinala que para o Grupo Municipal Socialista é prioritario que o concello de Arteixo finalice os deslindes cos municipios veciños e elabore un Plan Xeral de Ordenación Municipal “para darlle calidade de vida á nosa veciñanza, xa que unha boa planificación é a base para construír o presente e o futuro do noso concello”.

Os socialistas recordan que os deslindes cos concellos de Culleredo e A Coruña “seguen sen facerse realidade 12 anos despois” a pesar de que Carlos Calvelo fixo unha campaña electoral no 2011 moi ligada á necesidade de facelo entre o núcleo de Meicende e a cidade herculina dicindo que non volvería a presentarse como candidato se Arteixo non contaba co PXOM no 2015. “Unha situación que pasou de ser esencial cando optaba á alcaldía a non preocuparlle cando chegou a ela” afirma a voceira socialista.

“Xa no ano 2015 e visto que o grupo de goberno do PP non continuaba co proceso de elaboración do PXOM, o Grupo Socialista presentou unha iniciativa para resolver o contrato coa empresa concesionaria de redacción do plan xeral que foi aprobada por unanimidade” expón Patricia Boedo, pero denuncia que o goberno local “non moveu ficha” ata 6 anos despois cando no 2021 rescindiu o contrato coa concesionaria. Pero “pese as múltiples iniciativas presentadas polo noso grupo e o compromiso de que antes de finalizar o 2021 o goberno licitaría un novo contrato, atopámonos a finais de mandato e seguimos a esperar por dita tramitación” insiste a voceira socialista.

Boedo engade que por iso preguntarán de novo cales foron as iniciativas que levou a cabo o goberno local para finalizar o deslinde co concello de Culleredo e negociar o deslinde coa cidade de A Coruña e en que situación se atopa a contratación da redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.