Os socialistas de Arteixo denuncian o desleixo en camiños e estradas do concello
O grupo municipal socialista insta ao goberno municipal a atender ás peticións da veciñanza de Santaia sobre a estrada que vai ata Monteagudo e de Lañas no Camiño da Canle.
O grupo municipal socialista denuncia o desleixo nos camiños e estradas do concello tal como advirte a veciñanza do núcleo de Santaia e a de Lañas.
Os socialistas argumentan que o concello debe velar pola seguridade viaria das súas estradas municipais, evitando que existan árbores pegadas aos viais que poidan causar problemas á circulación de vehículos e viandantes como ocurre en Santaia, donde a veciñanza denuncia que existen eucaliptos de gran tamaño moi próximos á veira da estrada que vai dende o seu núcleo ata Monteagudo, que desprenden moita follaxe no dito vial e poden causar incidentes.
“O goberno local debe tomar medidas para que os propietarios corten as árbores que están demasiado próximas á estrada municipal e son perigosas para a circulación viaria” indica a voceira socialista, Ana Cedeira.
Cedeira engade tamén que a veciñanza de Lañas leva tempo pedindo que o concello acondicione o Camiño da Canle, un camiño que necesita dun “pavimento axeitado para non converterse nun barrizal os días de chuvia” pero “descoñecemos se o goberno local ten previstas actuacións neste camiño que tanto pide a veciñanza”.