Socialistas de Arteixo

View Original

Os socialistas de Arteixo acordan co Concello da Coruña a instalación de badenes en Meicende

A candidata socialista, Patricia Boedo, reuniuse co concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade da Coruña, Francisco Díaz, para trasladarlle a petición da veciñanza da parroquia arteixá que linda coa cidade herculina ante a impasibilidade do goberno local de Arteixo nesa zona.

Unha representación da candidatura do PSdeG-PSOE de Arteixo ven de reunirse co concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade da Coruña, Francisco Díaz, para informar dos problemas de mobilidade e seguridade do vial que afectan aos veciños de Meicende.

Os socialistas explican que a situación que está a vivir a veciñanza da Avenida de Nostián no núcleo de Meicende non é un tema descoñecido para o goberno local de Arteixo, xa que no ano 2011 un dos concelleiros do PSdeG-PSOE na corporación municipal e veciño de dita rúa poñía de manifesto os problemas de mobilidade e seguridade do vial. Unha cuestión que levaron en varias ocasións a pleno , a última no pasado mes de marzo, pero que non foi atendida polo goberno local.

A voceira do PSdeG-PSOE, Patricia Boedo, suliña que a veciñanza da Avenida de Nostián se puxo en contacto co grupo socialista preocupados pola seguridade viaria daqueles que circulan por dita rúa, “que teñen que ver como pasan os vehículos a velocidades inapropiadas para o estado do vial sen que o concello de Arteixo tome medidas”.

“Na campaña do ano 2011 este era un tema prioritario para o PP de Arteixo pero coa chegada ao goberno do actual alcalde pasou a ser un tema secundario sen novidades pese as insistentes preguntas do noso grupo nos plenos ordinarios” sinala Boedo.

Os veciños denunciaban a situación de desamparo que sofren ante esta situación de inseguridade e pedían ao goberno local que se tomaran medidas “para evitar desgracias” coa instalación de sinalización dos límites de velocidade, de badenes redutores da velocidade e tamén o estudo da instalación de beirarrúas para a mobilidade dos usuarios desa avenida.

Patricia Boedo, explica que “a realidade é que algunhas vivendas situadas no mesmo edificio de dita rúa pagan impostos nun dos concellos e outras noutro” polo que ante a inoperancia do goberno arteixán “alomenos esperamos que o goberno local da Coruña atenda as peticións da veciñanza que depende do seu concello pero que repercute nos veciños e veciñas de Arteixo”.  “Agradecemos ao Concello da Coruña o seu compromiso para a instalación dos badenes que solicitan a veciñanza para o control da velocidade” conclúe Patricia Boedo trala reunión na Coruña.

Nesa reunión, Patricia Boedo e outros tres representantes da candidatura do PSOE de Arteixo, Fernando Martínez, Charo Figueiras e Ana Cedeira, tamén aproveitaron para insistir na necesidade de retomar con premura a negociación do deslinde entre ámbolos dous concellos ante a inoperancia do goberno de Carlos Calvelo para facelo.