Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE leva a pleno a reapertura e modernización de Radio Arteixo

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio, o Grupo Municipal Socialista reclama a recuperación dun servizo público que estivo en funcionamento durante máis de 20 anos.

Radio Arteixo estivo en funcionamento durante máis de 20 anos.

En 2012, o goberno de Carlos Calvelo anunciou a suspensión das emisións analóxicas de Radio Arteixo coa promesa de impulsar a súa conversión nunha “canle dixital” accesible a través da web do Concello. Dous anos despois, o orzamento da emisora municipal desapareceu das contas públicas e deixaron de convocarse os Consellos da radio. O PSOE expresara, naquel momento, o seu desacordo coa decisión e agora, cando se cumpren dez anos, o Grupo Municipal Socialista reclamará no pleno a recuperación dun servizo público que estivo operativo durante máis de vinte anos, adaptándoo aos novos tempos para aproveitar as múltiples posibilidades que ofrecen os formatos dixitais na actualidade.

O portavoz socialista no Concello, Simón López, lamenta que Carlos Calvelo decidira “acabar cunha canle de información plural e aberta á participación da cidadanía, que era ademais unha importante ferramenta para a promoción económica e do comercio local”. Radio Arteixo botara a andar o 23 de marzo de 1993, durante o mandato do alcalde socialista Frutos Martínez Saavedra, de modo que en 2023 debería celebrarse o 30 aniversario do seu nacemento. “Que mellor momento para retomar as súas emisións e darlle o pulo que merece á radio de toda a veciñanza de Arteixo”, indica López.

O PSOE presentou a moción para a recuperación da emisora coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio, o pasado 13 de febreiro, para reivindicar deste modo a plena vixencia dun medio que ofrece información, pero tamén entretemento e mesmo acompañamento para moitas persoas maiores que viven soas. “As promesas de modernización e dixitalización do ano 2012 caeron en saco roto polos intereses políticos do PP”, denuncia Simón López. “Naquel momento, o Grupo Municipal Socialista expresara as súas dúbidas sobre as intencións reais de Calvelo e o tempo acabou dándonos a razón”, indica o portavoz socialista.