O PSOE insta ao goberno local de Arteixo a garantir a seguridade viaria de Borroa e Naia
Os socialistas denuncian deficiencias na rede viaria municipal e consideran prioritario a construción de beirarrúas, adecuación de camiños e o acondicionamento e asfaltado do firme neses núcleos da Pastoriza.
O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno de agosto para instar ao goberno local a garantir a seguridade viaria de Borroa e Naia na parroquia da Pastoriza ante as deficiencias na rede viaria municipal desde núcleos.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, sinala que despois de 13 anos continuados de goberno do PP os núcleos de Borroa e Naia “seguen esquecidos e o goberno local de Arteixo non da solución ás deficiencias na súa rede viaria municipal” en clara desventaxa coa veciñanza do núcleo colindante de Nostián, pertencente ao concello de A Coruña, que mellorou as infraestruturas a súa mobilidade coa construción de beirarrúas e cun servizo de transporte municipal que os conecta co centro da cidade.
“A avenida de Nostián ten beirarrúas nos tramos pertencentes ao concello de A Coruña, pero necesita que o concello de Arteixo faga o mesmo no seu territorio e o núcleo de Naia para que a pista que conecta con Nostián estea en correcto estado e coa anchura necesaria para os seus viandantes” expón o voceiro socialista.
Os socialistas indican que a avenida de Borroa (liña roxa na imaxe) necesita un novo asfaltado ao ter “numerosas fochancas” así como unha ampliación do firme para que poidan circular dous vehículos cando se cruzan, sobre todo nos cruces coa rúa Montillos e a rúa Sobrado. “É un perigro para os moitos nenos e nenas e persoas maiores que pasean a pé ou coas súas bicicletas” alerta Seco.
A situación é especialmente grave no entorno do Campo da Chave (círculo azul na imaxe) explica Seco, porque hai un tramo no que “o ancho da pista municipal fai imposible que circule un vehículo de emerxencia” e o propio servizo de recollida de lixo ten que dar a volta.
Para os socialistas tamén sería necesario adecuar o camiño que vai dende o Campo da Chave ata a rúa Sobrado (liña amarela na imaxe) bordeando as instalacións da refinería como unha alternativa peonil, “xa que en moitos tramos se inunda nos meses de chuvia”.
As propostas socialistas para solucionar esta situación serían:
• Construír beirarrúas na Avenida de Nostián nos tramos pertencentes ao concello de Arteixo ata completar un traxecto seguro entre Air Liquide e a Travesía de Meicende.
• Acondicionar para a seguridade peonil a pista que une Naia e Nostián.
• Anchear, asfaltar e garantir a circulación á velocidade reducida dos vehículos pola Avenida de Borroa entre Air Liquide ata o cruce coa rúa Montillos.
• Eliminar o tapón existente na Avenida de Borroa no entorno do campo da chave coa expropiación ou cesión das dúas vivendas en ruínas existentes.
• Adecuar o camiño que vai dende o campo da chave ata a rúa Sobrado para uso peonil.