O PSOE denuncia os reiterados atrasos das obras de prolongación da Avenida Baldomero González
O goberno do PP iniciou os trámites hai cinco anos, pero aínda non foi capaz de completar as xestións para a execución dunha obra clave para vertebrar o tráfico no centro de Arteixo.
No próximo pleno do Concello de Arteixo, o Grupo Municipal Socialista preguntará pola evolución dos trámites para a prolongación da Avenida Baldomero González. A vía, que dá acceso ao Centro Cívico, permanece inconclusa a pesar das promesas do PP de Carlos Calvelo. En 2016 iniciaron as xestións para a construción do tramo ata a Travesía de Arteixo e en 2019 obtiveron a autorización da Xunta, pero o proxecto segue estancado. Por outra parte, respecto á conexión do outro extremo da rúa coa Avenida de Fisterra aínda non se fixo pública ningunha información.
O portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Simón López, considera que a demora na execución desta obra supón “un novo exemplo da incapacidade do Partido Popular para dar resposta ás demandas da veciñanza de Arteixo, a pesar de contar con maioría absoluta dende hai once anos”. A conclusión da avenida permitiría reorganizar o tráfico en boa parte do centro urbano e estender as zonas verdes en torno ao río Bolaños. Trátase dun proxecto estratéxico para a localidade pero ata o momento, tal como indica López. “todo foron anuncios nos medios de comunicación e escusas para xustificar a súa falla de dilixencia”.
Ausencia de PXOM
No pasado mes de agosto, a prensa facíase eco das intencións do goberno municipal de introducir unha modificación puntual nas normas subsidiarias para completar a conexión coa Travesía de Arteixo, sen fixar prazos para a execución da obra. “A ausencia de Plan Xeral obríganos a seguir parcheando unha normativa urbanística obsoleta e ineficaz”, denuncia Simón López, que no próximo pleno volverá preguntar tamén polos avances na licitación do PXOM. O novo documento, na súa opinión, “permitiría axilizar a execución dunhas obras que acumulan anos de retraso para desesperación de todas as persoas que circulan diariamente pola zona”.