Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE denuncia a paralización das obras do barrio das Eiras en Meicende sen data de continuación

Os socialistas solicitan avanzar coa urbanización e humanización do barrio

|  O grupo municipal socialista de Arteixo ven de solicitar ao goberno local que continúe coa urbanización e humanización do barrio das Eiras no núcleo de Meicende.

O portavoz socialista, Martín Seco explica que as actuacións para urbanizar e humanizar o barrio das Eiras están paralizadas sen finalizar “e non temos novas de que vaian a continuar en datas vindeiras”

Para Seco, “a rehabilitación deste e outros barrios de Meicende son esenciais para dotar de calidade de vida á veciñanza e afastar posibles actividades delituosas do noso concello” ao tempo que sirven para darlle valor ás propiedades da veciñanza.

 DESLINDES CON CULLEREDO E A CORUÑA

Por outra banda, os socialistas tamén denuncian que trala comisión de seguimento da contratación do PXOM, “seguimos sen ter novas de que está a facer o goberno municipal para pechar o deslinde cos concellos veciños de Culleredo e A Coruña”

“Non entendemos que non sexa unha prioridade para o goberno local ter avanzado neses deslindes 13 anos despois de que o actual alcalde os considerase prioritarios e que fixese unha campaña electoral para chegar á alcaldía moi ligada á necesidade dese documento entre o núcleo de Meicende e a cidade herculina” sinala Martín Seco.

O voceiro socialista indica que hai meses que “os gobernos locais do concello de A Coruña e Culleredo comunicaron a súa dispoñibilidade para avanzar” pero que seguen “sen noticias de que o goberno local de Arteixo teña feito algún trámite para avanzar cos concellos veciños,”  

 “A pregunta é doada”, insiste Seco, “cales foron as iniciativas que levou a cabo o goberno local para finalizar o deslinde co concello de Culleredo e negociar o deslinde coa cidade de A Coruña neste derradeiro mes?”