Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE demanda unha residencia de maiores para a zona norte de Arteixo

A única residencia do concello, construída pola Fundación Amancio Ortega, non cubre as prazas que se precisan para atender a necesidade real de Arteixo e os socialistas solicitan que o goberno local publique a lista real de agarda de cidadáns arteixáns para este servizo.  

Os socialistas de Arteixo instan ao goberno local a construír unha nova residencia de maiores na zona norte do Concello para cubrir a demanda real existente en Arteixo para este servizo.

A portavoz do grupo municipal socialista de Arteixo, Ana Cedeira, explica que “tivemos que esperar demasiados anos a ter a  primeira residencia de maiores e centro de dia públicos. Unha residencia que finalmente chegou por unha iniciativa desinteresada da Fundación Amancio Ortega que levou a cabo a súa construción nunha parcela cedida polo concello sen que a Xunta de Galicia, administración competente nesta materia fixese nada ata o día de hoxe”.

 Os socialistas exponen que a residencia construida pola Fundación Amancio Ortega non cubre as prazas que se precisan para atender a necesidade real de Arteixo e que existe unha lista de agarda importante que produce que  se lles traslade  poboacións lonxanas ou pagar en residencias privadas uns prezos inasumibles para moitos cidadáns.

“Arteixo é un concello con forte capacidade de inversión e un orzamento elevado que o goberno local debe utilizar para dar calidade de vida á nosa veciñanza” argumentan os socialistas arteixáns e indican que na planificación municipal debe ser prioritario “o benestar dos nosos maiores, a súa atención sanitaria, a mobilidade e seguridade no noso rural e a comunicación desta cos entornos urbanos,  así como espazos de lecer.

Pero sobre todo, incide Cedeira, “a atención a aqueles que necesitan da administración para a súa vida diaria”, como un bo servizo na axuda no fogar e prazas suficientes en residencias e centros de día para quen o precise.

O PSdeG-PSOE de Arteixo levaba no seu programa a necesaria construción dunha nova residencia de maiores na parte norte do concello e a voceira socialista insiste en que “esta debera de ser unha das actuacións prioritarias para o goberno local”  polo que o goberno municipal debe instar á Xunta de Galicia” que é quen ten as  competencias na materia para facelo”, ou que o propio goberno local realice con fondos propios, “que os ten” sinala a concelleira socialista, esta infraestrutura tan necesaria “que non pode esperar máis”.

Por iso  o Grupo Socialista no Concello de Arteixo demanda saber cal é a lista real de espera de cidadáns arteixáns que desexan unha praza na actual residencia de maiores,  e se o goberno local ten previsto a construción dunha segunda residencia de maiores.