O PSOE de Arteixo urxe ao alcalde a tomar medidas contra o aumento de delincuencia en Meicende
Os socialistas insisten na necesidade de conseguir a cesión da parcela situada no polígono da Artística do barrio de Meicende, propiedade da Xunta de Galicia, tal como foi aprobado no pleno anterior.
O grupo socialista de Arteixo urxe ao alcalde a tomar medidas contra o aumento de delincuencia en Meicende e solicitar a cesión da parcela ocupada na Artística tal como se aprobou no pleno anterior.
A portavoz socialista, Ana Cedeira, relata que o núcleo de Meicende está a vivir “un dos seus peores momentos polo incremento da delincuencia” polo que ademáis do aumento da presencia policial, son necesarias actuacións urbanísticas e de mellora do mobiliario urbano e a iluminación. “As administracións deben loitar contra o incremento dos puntos de venta de estupefacientes que afectan á seguridade e convivencia da veciñanza” engade Cedeira.
“Os habitantes dos barrios das Eiras e O Petón están fartos desta situación e denuncian o que están a vivir as súas familias,” sinala a portavoz dos socialistas, “sobre todo trala ocupación dunha parcela do polígono da Artística que é propiedade da Xunta de Galicia, onde se levan a cabo actividades ilícitas.”
“Por iso é prioritario coñecer que iniciativas ten levado a cabo o goberno local dende o mes pasado para conseguir a cesión da parcela da Xunta que ten previsto arranxala para poñela á venda” engade a concelleira socialista.