Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE de Arteixo urxe a construción de novas infraestruturas educativas ante o colapso nos colexios do municipio.

O secretario xeral dos socialistas arteixáns, Martín Seco, critica no Parlamento a inacción da Xunta e o Concello de Arteixo ante a promesa de construír un novo colexio de infantil e primaria no municipio: “Quedou en papel mollado”

O secretario xeral dos socialistas de Arteixo, Martín Seco criticou hoxe no Parlamento de Galicia a inacción de Xunta de Galicia e Concello de Arteixo ante a “promesa” de construír un novo colexio de Infantil e Primaria no municipio anunciada no ano 2017, pero que “quedou en papel mollado”. Fíxoo na Comisión de Educación do Parlamento galego onde presentou unha pregunta oral para urxir ao Executivo autonómico a construción do anunciado proxecto.

“Nin o concello pon o solo a disposición, nin a Xunta orzamenta dito centro”, denunciou o socialista, tras lembrar que, segundo o comprometido polas dúas administracións, o Concello de Arteixo entregaría no ano 2019 os terreos e entón sería a Xunta quen executaría a súa construción, pero “agora semella que o alcalde deu marcha atrás”.

“Vaia espectáculo do Partido Popular no Concello de Arteixo que gasta millóns de euros en centros sociais baleiros sen actividade e agora di que a construción dun novo colexio xa non é prioritaria”, censurou o socialista.

Tendo en conta que Arteixo é un dos concellos de Galicia “con maior crecemento demográfico”, incidiu o socialista, “conta cun dos colexios máis saturados e con máis alumnado de toda Galicia”, o CEIP Ponte dos Brozos, onde “temos ata 7 aulas nalgún curso nun centro de máximo 4”.

De feito, subliñou, “en moitas ocasións” tiveron que acondicionarse “aulas improvisadas con arquivadores ou pladur nos corredores e incluso habilitando titorías como aulas”, o cal “supón unha diminución da calidade educativa e un posible punto de conflitividade ao reducirse o número de metros cadrados por alumno e alumna, tanto nas aulas como nos espazos comúns”.

Dende o ano 2015, o PSdeG leva solicitándolle a Concello de Arteixo e á Xunta a construción de novas infraestruturas educativas, xa que “o colapso nos colexios do municipio estaba entón comezando a chegar ao institutos e, a consecuencia, estes contan cada vez con maior cociente de alumnado polo mero avance demográfico”. Por iso a nivel local, a voceira do grupo municipal socialista, Patricia Boedo, avanzóu que os socialistas levarán a pleno unha proposta para dar solución aos problemas que ocasiona esa saturación na calidade da educación dos estudantes de Arteixo e pensando no futuro do concello. 

Agora, lamentou Martín Seco, “a situación empeorou coa chegada da covid e a necesidade de adaptar as aulas a un menor cociente de alumnos e alumnas, sen que a Consellería de Educación e o concello desen unha solución a unha problemática da que son coñecedores hai máis de cinco anos”.

“ABANDONO CONTINUADO” DA XUNTA

Neste marco, o socialista denunciou o “abandono continuado” da Xunta en materia educativa co Concello de Arteixo. “Chega ata o punto de que é o concello que ten que pagarlles a vostedes as obras dos centros educativos que exceden o mantemento e que debería facer a Xunta e, por riba, agochan a súa falla de compromiso coa cidadanía arteixá con pequenas aportacións en convenios sufragados na práctica totalidade polo concello”, sinalou.

Podes ver a continuación a intervención de Martín Seco na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia.