Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE de Arteixo solicita adaptar a accesibilidade cognitiva das infraestruturas e espazos públicos do concello

Os socialistas instan ao concello a poñer en marcha un ”Programa de pictografíado” para  favorecer a accesibilidade universal e a participación plena das persoas con alteración da comunicación e a linguaxe, con discapacidade intelectual ou con enfermidades neurolóxicas.

O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no vindeiro pleno para adaptar a accesibilidade cognitiva das infraestruturas e espazos públicos do concello, coa utilización de pictogramas que favorezan a participación plena das persoas con alteracións da comunicación e a linguaxe, discapacidade intelectual ou enfermidades neurolóxicas.

Os socialistas argumentan que as melloras en accesibilidade cognitiva benefician a toda a poboación porque tamén resultaría de utilidade para quen descoñeza os nosos idiomas así como as persoas maiores.

O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que o obxectivo da medida é “conseguir a accesibilidade universal en Arteixo para a participación plena na sociedade” das persoas con alteracións da comunicación e a linguaxe, con discapacidade intelectual así como de persoas con enfermidades neurolóxicas,  porque a linguaxe sirve para “comunicar, representar e regular a conduta propia e a allea así como as diferentes actividades que se levan a cabo” pero cando alguén non a pode usar para tal fin, precisa duns sistemas de comunicación non verbal que a complementen ou substitúan.

Seco explica que os ¨sistemas alternativos e complementarios de comunicación (SAAC)¨ funcionan como unha axuda para que as persoas con incapacidade e/ou dificultades para comunicarse verbalmente poidan facelo, como sucede cos pictogramas, “imaxes sinxelas que representan obxectos, accións ou ideas que transmiten información ou datos”

O voceiro socialista apunta que algúns concellos xa están a implantar esta iniciativa para adaptar a accesibilidade cognitiva das súas infraestruturas e espazos públicos para toda a cidadanía e favorecer a participación plena das persoas con diversidade funcional, pero “como un paso necesario para a accesibilidade universal”.

Os socialistas instarán polo tanto ao goberno local a poñer en marcha un “Programa de Pictografiado” do concello, para implantar esta información visual en parques infantís e  espazos e locales públicos, pero tamén  solicitar a colaboración de diferentes entes privados do concello para unirse ao programa.

“A infancia debera de preocuparnos especialmente, e o goberno local podería comezar por pictografiar os parques infantís coa información dos diferentes xogos, para fomentar así espazos estimulantes e integradores que potencien a participación sen excepcións. Estas placas informativas deberan incluír tamén a información no sistema braille para facilitar o acceso a persoas con discapacidade visual” remata Martín Seco. “Os socialistas queremos un concello máis accesible e inclusivo no que ninguén poida sentirse excluído”