O PSOE de Arteixo reclama un maior control sobre a limpeza dos colexios públicos
O servizo está ligado a unha concesión municipal e algunhas familias protestaron polo estado das instalacións en varios centros de educación infantil e primaria do concello.
O PSdeG-PSOE trasladará ao pleno do concello de Arteixo as queixas dos pais e as nais do alumnado de varios colexios públicos polas deficiencias na limpeza das instalacións. As familias consideran que o traballo non se está a realizar de forma axeitada e o Grupo Municipal Socialista puido constatar que o servizo, nos distintos centros educativos onde se rexistraron as protestas, está xestionado pola mesma empresa concesionaria.
A concelleira Patricia Boedo entende que, ante estas denuncias, “o goberno municipal ten a obriga de inspeccionar os centros educativos que teñen a limpeza concesionada polo Concello a unha empresa privada”, pois na súa opinión, “debemos tomarnos en serio as condicións de salubridade e hixiene dunhas aulas nas que desenvolven a súa actividade, diariamente, centos de nenos e nenas de Arteixo”. Dende o PSdeG-PSOE solicítase a elaboración dun informe onde se recollan os posibles incumprimentos existentes e que se adopten as medidas oportunas para garantir o correcto funcionamento do servizo.
“As familias merecen que se atendan as súas demandas”, indica Patricia Boedo, “e se fose preciso, o Concello está en disposición de sancionar ou advertir á empresa”. As condicións do servizo están recollidas nos pregos de contratación e a Administración Municipal ten a responsabilidade de supervisar o labor desenvolvido pola empresa concesionaria.