Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE de Arteixo reclama avances nos deslindes cos concellos veciños e a renovación do Inventario de Bens

Son dous trámites necesarios para avanzar na planificación urbanística do Concello, pero as xestións permanecen paralizadas dende a chegada do PP de Carlos Calvelo ao goberno.

Indicador do límite municipal en Meicende.

O PSdeG-PSOE de Arteixo solicitará, no próximo pleno, que se retome o procedemento dialogado de deslindes co Concello da Coruña. Entre 2007 e 2011 constituírase unha comisión conxunta entre as dúas administracións municipais, pero as negociacións víronse interrompidas trala chegada ao goberno do PP de Carlos Calvelo. O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Simón López, considera que “é necesario resolver dunha vez esta cuestión, sobre todo para a cidadanía e as empresas que desenvolven a súa actividade nas parroquias afectadas”.

Zonas como Meicende, A Zapateira ou Nostián viven nunha situación de incerteza respecto aos límites municipais e o mesmo acontece no barrio do Souto, na extrema con Culleredo, onde nunca se chegou a concretar o deslinde. “Existe unha lóxica preocupación por saber a quen lle teñen que pagar os impostos ou onde deben solicitar os seus permisos”, indica López.

Antes de ser alcalde de Arteixo, dende o seu cargo de Secretario da Asociación de Veciños “San Xosé Obreiro” de Meicende, Carlos Calvelo fora un dos promotores dun polémico acto para solicitar que o Concello de Arteixo iniciara a negociación dos deslindes coa Coruña. Era 2009 e dous anos despois chegaría á alcaldía á fronte da lista do PP. Dende entón, tal como denuncia Simón López, “non vimos un só avance” e na súa opinión, “un concello do século XXI non pode estar vendo como se eternizan os procedementos para ter unha planificación seria e rigorosa”.

 

Inventario de Bens

O Grupo Municipal Socialista denuncia a “demora inxustificada” da negociación dos deslindes cos concellos veciños e tamén da renovación do Inventario Municipal de Bens, un documento que o alcalde cualificou como urxente e “moi importante” xa en 2018. A súa tramitación iniciouse en 2012 e en 2016 abriuse un caótico período de exposición pública, pero as alegacións presentadas nunca recibiron resposta e o pleno segue agardando que o goberno presente a documentación para a súa aprobación definitiva. Simón López considera que “os reiterados aprazamentos son produto da incapacidade de xestión e negociación do PP de Carlos Calvelo”.