Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE de Arteixo presenta alegacións ao proxecto do parque eólico de Carboeiro e solicita a apertura dun proceso público participativo á cidadanía.

As alegacións inclúen a petición de rexeitamento da solicitude de autorización administrativa previa e a declaración de utilidade pública.

Os socialistas arteixáns organizan unha charla informativa coa veciñanza este domingo ás 11:30 no centro social do Foxo para explicar esta alegacións e aclarar as dúbidas xeradas pola proposta de Green Capital Power anunciada pola Xunta que afectará a territorios de Arteixo, A Laracha e Culleredo

O secretario xeral do PSOE de Arteixo e deputado no Parlamento de Galicia, Martín Seco.

Os socialistas de Arteixo veñen de presentar diante da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación as súas alegacións ao proxecto do parque eólico de Carboeiro pedindo o rexeitamento da solicitude de autorización administrativa previa e a declaración de utilidade pública e instan a abrir un proceso público participativo, onde con carácter previo, a cidadanía afectada e o público poidan participar na localización do proxecto eólico CARBOEIRO e a súa solución de evacuación aos efectos paisaxísticos.

Tras un estudo en profundidade do proxecto, o Grupo Municipal Socialista considera que trala modificación do documento de inicio, o promotor incrementa a altura dos muíños , o que constitúe unha modificación substancial do proxecto, xa que a distancia dos muíños ao núcleo de Santa Leocadia resulta insuficiente para o establecido na lei.

Nas alegacións argumentan contra a solicitude para a declaración de utilidade pública do proxecto que afecta gravemente a un núcleo como o de Santa Leocadia que incomprensiblemente queda dentro da poligonal de afección do parque eólico e denuncian impactos ambientais severos que afectan á Rede Natura con danos significativos para os hábitats prioritarios e de interse comunitario e para as Áreas de Especial Interés Paisaxístico (AEIP), afectadas tamén por outros parques da contorna con prexuizos irreparables para a paisaxe e á biodiversidade ademáis dun incremento do feísmo paisaxístico con afectación ao turismo e á hostalería.

Outras das alegacións ao proxecto refírense a afección severa ao patrimonio cultural e arqueolóxico, ao que hai que engadir a afección severa ás familias que viven, residen ou traballan nos núcleos rurais afectados, con impacto sobre a saúde humana.

Os socialistas arteixáns consideran tamén que no proxecto de Carboeiro hai unha vulneración fragante da Lei 7/2012, de Montes de Galicia e sinalan a prevalencia da protección ambiental da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, polo tanto solicitan o rexeitamento deste e doutros parques que contan con estudos de impacto ambiental baseados en datos caducos e obsoletos como é o caso, polo tanto nada fiables e que non garanten a conservación das especies en base ao principio de precaución e piden abrir un proceso público participativo, onde con carácter previo, a cidadanía afectada e o público poidan participar na localización do proxecto eólico CARBOEIRO e a súa solución de evacuación aos efectos paisaxísticos.

O PSOE de Arteixo explicará estas e outras alegacións á veciñanza na charla organizada este domingo na que intervirán a portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Arteixo, Patricia Boedo; Leandro del Río, arquitecto da plataforma “Salvemos a comarca de Ordes”; Roberto Vilela de Ecoloxistas en Acción e Asociación Quijote de Outes, así como os voceiros socialistas de Medio ambiente e Industria no Parlamento de Galicia, Pablo Arangüena e Martín Seco. 

A charla informativa será este domingo 19 de xuño ás 11:30 no Centro Social do Foxo en Loureda.

 Documento alegacións PSOE Arteixo ao proxecto do parque eólico do Carboeiro