O PSOE de Arteixo pide un plan de mellora integral da Avenida Platas Varela en Vilarrodís
O plan debería realizarse a maiores da actuación puntual do concello en colaboración da Xunta de Galicia para o impulso do seu comercio, hostalería e cidadanía en xeral.
O grupo municipal socialista pide ao goberno local un Plan de Mellora Integral da Avenida Platas Varela en Vilarrodís coa colaboración da Xunta de Galicia para o impulso do seu comercio, hostalería e cidadanía en xeral.
O Concello de Arteixo ven de anunciar o inicio das obras do proxecto para mellorar os itinerarios peonís na avenida Manuel Platas Varela, no núcleo urbano de Vilarrodís para solucionar a falla de accesibilidade actual desa avenida e dotala de itinerarios peonís accesibles entre a rúa Aguceira e o número 98 da Avenida Platas Varela.
O proxecto ten previsto aumentar o ancho das beirarrúas e redeseñar os pasos de peóns, instalar dous novos na contorna da gasolineira, crear unha pequena zona axardinada e instalar mobiliario urbano, e ademáis deixarase executada a base de formigón para unha marquesiña de autobús.
A portavoz dos socialistas arteixáns, Patricia Boedo, sinala que “a maiores desta actuación puntual necesaria, é preciso un plan de mellora integral da Avenida Platas Varela como xa incluíamos no programa electoral do 2019” para dotala de mellor accesibilidade, unha mellor mobilidade peonil e viaria e xerar prazas de aparcamento para o comercio, hostalaría e cidadanía en xeral. “Este plan debe ter a colaboración da Xunta de Galicia propietaria da estrada” conclúe Boedo.