Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE de Arteixo pide explicacións ao goberno local sobre a ordenanza de contaminación acústica

Os socialistas reclaman a dotación de equipos e formación necesaria á Policía Local para cumprir coas indicacións do informe da Valedora do Pobo que instaba ao concello a intensificar os controis e a inspección das transmisións de ruídos ás vivendas

O grupo municipal socialista pedirá explicacións ao goberno local  sobre as iniciativas que levou e vai levar a cabo dende a contestación da Valedora do Pobo con relación á denuncia presentada por veciños da rúa Cidade de Bos Aires.

Martín Seco, portavoz do grupo municipal socialista, expón que son coñecedores dun expediente na Valedora do Pobo por unha queixa presentada por veciños da rúa Cidade de Bos Aires ante os ruídos e molestias causados por unha academia de baile que se sitúa no seu baixo.

Na súa resposta a Valedora indicaba que “o concello debe intensificar os controis e inspección” e recordaba a necesidade de que no prazo de un mes se dea conta da aceptación da recomendación formulada e no seu caso, das medidas adoptadas para darlle efectividade. 

Segundo o informe da Valedora do Pobo, as comprobacións das transmisións de ruídos ás vivendas deben facerse cando tal cousa se denuncia polas persoas afectadas, é dicir, no preciso intre en que o local está a prexudicar con niveis inadecuados de ruídos, cometendo con iso unha infracción administrativa, pero tal como recolle o informe a  Policía local manifesta que o ruído “no se ha podido corroborar al no disponer este cuerpo de medidor de sonidos ni de personal cualificado para realizar esta medición”

Seco afirma que o concello  resposta e acepta a recomendación formulada pola Valedora do Pobo e dí que  a Policía Local levará a cabo con urxencia un exhaustivo seguimento de comprobación dos ruídos do establecemento denunciado, intensificando os controis e inspeccións e informando á Alcaldía sobre o estrito cumprimento da licenza outorgada.

Por outra banda o goberno local indicaba que o departamento de medio ambiente iniciará os trámites para a elaboración e aprobación dunha ordenanza sobre contaminación acústica.

O portavoz socialista afirma que a día de hoxe “non sabemos cales foron as iniciativas que levou e vai levar a cabo o goberno local” dende a contestación á Valedora do Pobo con relación á denuncia presentada, “nin cando se vai a poñer en marcha dita ordenanza comprometida, así coma a dotación de equipos e formación necesaria aos axentes para evitar estas situación”.

“Este non é o primeiro caso nin será o derradeiro por molestias causadas por ruídos” remata Seco, “e dende o goberno local non foron capaces de equiparse con equipos para a medición, nin levar a cabo esa ordenanza tan necesaria”.