O PSOE de Arteixo pide a eliminación das peaxes nas autoestradas AG-55 e AG-57, de titularidade autonómica
Os socialistas consideran que Rueda debe ser coherente co que solicita ao goberno central para a AP-9 e iniciar de inmediato todas as accións necesarias para conseguir a eliminación das peaxes nas autoestradas de titularidade da Xunta de Galicia.
O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno de outubro na que solicita un acordo da corporación para instar á Xunta de Galicia a que inicie de inmediato todas as accións necesarias para conseguir a eliminación das peaxes nas autoestradas AG-55 e AG-57, de titularidade autonómica.
Martín Seco, portavoz do grupo municipal socialista de Arteixo, expón que en Galicia, actualmente “os galegos e galegas vémonos obrigados a pagar peaxes en catro autoestradas”: na AP-9 e AP-53 competencia do Estado e nas autoestradas autonómicas AG-55 e AG-57.
Seco lembra que as peaxes actuais da AP-9 son consecuencia da decisión do goberno de José María Aznar que no ano 2000 prorrogou a concesión ata o 2048. “De non terse producido esta última prórroga por 25 anos, esta autoestrada xa estaría libre de peaxes dende agosto de 2023” explica o voceiro socialista, e recorda que os gobernos de Pedro Sánchez iniciaron, en 2021, “un camiño de bonificacións para a AP-9 que significou un importante aforro paulatino para os galegos e as galegas”.
En consecuencia, o goberno da Xunta de Galicia reaccionou en 2021aprobando bonificacións na AG-55 e AG-57, pero “non sendo equiparables ás implantadas polo Goberno do Estado”.
“Os socialistas apostamos sempre polo avance cara á gratuidade, tanto na AP-9 como na AP-53, para corrixir a nefasta decisión do goberno do PP de Aznar, co silencio cómplice do goberno popular na Xunta de Galicia, de castigarnos con peaxes na AP-9 ata 2048” argumenta Seco.
“Os socialistas apostamos de forma decidida pola transferencia da AP-9 a Galicia” afirma o edil socialista, e “seguimos nesa reivindicación” e valoramos positivamente os esforzos do goberno entral na ampliación das bonificacións que deben ter o obxectivo final de chegar á gratuidade nas autoestradas de peaxe dependentes do Estado.
Para os socialistas é evidente que o goberno de Rueda debe ser coherente co que solicita ao goberno central para AP-9 e iniciar de inmediato todas as accións necesarias para conseguir a eliminación das peaxes nas autoestradas AG-55 (A Coruña-Carballo) e AG-57 (Puxeiros-Val Miñor), das que é titular a Xunta de Galicia.