Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE de Arteixo insta ao goberno local a intensificar as accións para erradicar a LGTBIfobia.

Os socialistas condenan todas as condutas que atenten contra a dignidade e os dereitos do colectivo LGTBI e solicitan o compromiso do concello de Arteixo coa construción dunha sociedade inclusiva, diversa e libre de odio.

Piden a creación dun protocolo de actuación fronte a agresións LGTBIfóbicas a nivel local, que garanta a protección das vítimas e unha resposta institucional e policial rápida.

O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno de outubro para instar ao goberno local a intensificar as accións para erradicar a LGTBIfobia.

Co motivo da celebración do xuizo polo asesinato en 2021 de Samuel Luiz, un mozo arteixán de 24 anos, os socialistas reiteran a súa condena a agresión homófoba que causou ese asasinato así coma a todas as condutas que atenten contra a dignidade e os dereitos do colectivo LGTBI,  e solicitan o compromiso do concello de Arteixo coa construción dunha sociedade inclusiva, diversa e libre de odio.

O grupo socialista pide na moción a creación dun protocolo de actuación fronte a agresións LGTBIfóbicas a nivel local, que garanta a protección das vítimas e unha resposta institucional e policial rápida.

Martín Seco, portavoz do grupo municipal socialista argumenta que o crime de Samuel Luiz  “non é un feito illado”, senón que os delitos de odio, e en particular os relacionados coa orientación sexual e a identidade de xénero, experimentaron un preocupante aumento nos últimos anos.

“Esta tendencia require unha resposta firme e coordinada por parte das institucións” afirma Seco, quen opina que “as políticas públicas deben centrarse en previr estes delitos, protexer ás vítimas e fomentar unha cultura de respecto pola diversidade”. Para os socialistas a violencia e a LGTBIfobia non poden ter cabida nunha sociedade que aspira á igualdade e á convivencia pacífica. 

Os socialistas de Arteixo pedirán ao pleno que se adopte o seguinte acordo:

1. Condenar a agresión homófoba que causou o asasinato de Samuel Luiz e expresar o rexeitamento máis firme deste Concello ante calquera forma de violencia e odio motivada pola orientación sexual ou a identidade de xénero.

2. Trasladar o apoio e a solidariedade á familia e amigos de Samuel Luiz, así como o seu compromiso coa xustiza.

3. Instar ás administracións públicas competentes a intensificar as accións dirixidas a erradicar a LGTBIfobia e calquera forma de discriminación e odio, mediante políticas educativas, campañas de sensibilización e o apoio ás vítimas.

4. Condenar todas as condutas que atenten contra a dignidade e os dereitos do colectivo LGTBI e manifestar o compromiso deste Concello coa construción dunha sociedade inclusiva, diversa e libre de odio.

5. A creación dun protocolo de actuación fronte a agresións LGTBIfóbicas a nivel local, que garanta a protección das vítimas e unha resposta institucional e policial rápida ante estes delitos.

6. Mellorar a atención ás persoas LGTBi do noso CIM coa creación dun “Punto Arco Iris” como espazo de apoio, orientación, sensibilización, prevención de violencia, asesoramento individualizado e concienciación da sociedade.