Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE de Arteixo insiste na paralización do parque eólico de Carboeiro 

O PSOE de Arteixo insiste na paralización do parque eólico de Carboeiro

O grupo municipal socialista de Arteixo solicitou ao goberno local no pleno de setembro que preparase os mellores informes técnicos e xurídicos coa finalidade de presentar o recurso necesario para paralizar a construción do parque eólico Carboeiro.

O portavoz do grupo municipal socialista explica que hai poucas datas a Xunta publicou no DOG a autorización administrativa previa e de construción  deste parque eólico e ”consideramos urxente a presentación duns recursos ben argumentados que impidan a instalación do parque eólico e que se paralice o comezo das obras”.

Seco sinala que xa en xuño do 2022, o goberno do Partido Popular no concello de Arteixo rexeitou a proposta do grupo socialista para incluír na moción institucional que se ía a aprobar no pleno ordinario, o compromiso de tomar canta iniciativa administrativa e xudicial fose necesaria para poñerlle freo ao Proxecto de Parque Eólico Carboeiro, “un proxecto que os socialistas consideramos lesivo para os intereses da nosa cidadanía e a súa calidade de vida”. 

“Con aquela proposta, os socialistas de Arteixo pedíamos que a unanimidade da corporación municipal dixese alto e claro que todos estábamos en contra da instalación dese parque eólico no noso concello e que chegaríamos as instancias que fosen necesarias, incluídas as xudiciais, para evitar dita instalación” expón o concelleiro socialista. 

O grupo socialista apoiaba tamén entón as alegacións presentadas pola cidadanía que na maior parte eran as postas a disposición polo goberno local, pero tamén ás dos partidos políticos “entre elas as nosas”, as de colectivos como Petón do Lobo ou as presentadas pola Asociación de Veciños de Santa Leocadia, “e ademais para apoiar os informes do concello sen ningún tipo de fisuras”. 

Pero Seco indica que teñen “dúbidas sobre a postura real do goberno local”, despois de escoitar a moitos veciños dicir que “o propio alcalde de Arteixo lles comunicaba que estaba negociando cambios no proxecto actual coa empresa promotora do parque”, como a retirada do muíño número 4, compensacións en temas de tarifa eléctrica ou temas de acceso á fibra para os veciños, “algo que para o noso grupo é insuficiente”. 

A principios de 2023 a Consellería de Medio Ambiente daba a autorización medioambiental para a instalación do parque e o goberno municipal declaraba públicamente que consideraba “insuficientes pero positivos” os cambios que se facían no proxecto.

“Así, xa daquela pedimos que se preparasen os informes necesarios cos técnicos municipais para presentar recursos contenciosos-administrativos” remata Seco, e ante a nova autorización administrativa previa e de construción  deste parque eólico publicada no DOGA recentemente “consideramos urxente a presentación duns recursos ben argumentados que impidan a instalación do parque de Carboeiro e que paralicen o comezo das obras”.