O PSOE de Arteixo denuncia que o alcalde deixa a Meicende sen festas de agosto incumprindo a súa propia promesa electoral
Carlos Calvelo prometeu en campaña electoral que apoiaría a calquera veciño que se fixese cargo das festas cunha axuda de 4.500 euros por día e todo o apoio que necesitase da administración para a celebración das festas do núcleo de Meicende.
Os socialistas de Arteixo preguntarán no vindeiro pleno de agosto polas razóns do alcalde de Arteixo para darlle as costas á veciñanza de Meicende que desexaba celebrar as festas de agosto e se considera que os integrantes das comisións de festas teñen que pasar o seu visto e prace para celebralas.
O socialistas arteixáns queren saber que sucede para que “un dos núcleos máis importantes do noso concello quede sen festas ante a incapacidade do goberno local para organizalas e a pesar de que existan veciños que desexan facelo” e por que non cumpre o alcalde de Arteixo coa palabra dada á veciñanza de Meicende na campaña electoral do mes de maio cando lles prometeu “que se continuaba no goberno, apoiaría a calquera veciño que se fixese cargo das festas cunha axuda de 4.500 euros por día e todo o apoio que necesitase da súa administración para dita celebración”.
O concelleiro socialista, Fernando Vázquez, veciño de Meicende, explica que “despois de anos dando bandazos para conseguir que alguén se faga cargo das comisións de festas” de maio e de agosto nese núcleo urbano é “incomprensible” que agora que un grupo de veciños de Meicende comezara a falar cos comercios locais e a veciñanza para poder ter fondos para a celebración, elaborara un programa de actividades festivas para celebrar as festas dende o día 12 ata o día 17 de agosto, e solicitase no concello os papeis para poder acadar os permisos pertinentes, “se atopen coa negativa do alcalde de Arteixo para que se tramitasen a tempo os permisos pertinentes e a darlles a axuda necesaria para dita celebración”.
“Ao goberno local de Arteixo semella que lle molesta a celebración das festas de agosto do núcleo de Meicende” explica o concelleiro socialista,” porque hai que lembrar que o grupo municipal socialista solicitou en diversas ocasións que o departamento de cultura e festas se fixese cargo da celebración das festas nos barrios urbanos do concello -de igual xeito que o fixo coas festas do núcleo de Arteixo-”, onde semella máis difícil que a cidadanía asuma a conformación de comisións que se dediquen a ditas celebracións.
“Pero a nosa solicitude caeu en saco roto para uns departamentos sen ideas e capacidade de xestión” argumenta Vázquez, así que agora queremos saber cal é o motivo para que o alcalde lle dea as costas á veciñanza de Meicende que desexaba celebrar as festas de agosto cando hai xente disposta para facelas e cando él mismo así llo prometeu en campaña electoral.